Xornada ‘Os beneficios da peregrinación como terapia de benestar. Mesas redondas e obradoiros’

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da Universidade de Santiago de Compostela organiza o 7 de novembro unha xornada no Salón de Graos da Facultade de Humanidades de Lugo centrada nos beneficios da peregrinación como terapia de benestar. A iniciativa propón unha mirada ampla ao Camiño de Santiago como espazo de convivencia, transformación persoal e dinamismo territorial, ademais de servir como punto de encontro para reflexionar sobre os seus impactos sociais, culturais e económicos.


A actividade —cofinanciada pola Deputación de Lugo, EUniWell e a Cátedra do Camiño de Santiago— dará comezo ás 9:30 horas cunha benvida institucional a cargo de Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades; Rubén C. Lois González, director do IDEGA; e Lucrezia Lopez, directora do CETUR e coordinadora do encontro.


A primeira intervención correrá a cargo de Rubén Lois, que impartirá a conferencia titulada “A revitalización do Camiño nos séculos XX e XXI como fenómeno cultural e turístico”, onde repasará a recuperación contemporánea das rutas xacobeas e o seu valor como símbolo identitario e motor económico.


Dúas mesas para reflexionar sobre o benestar e o territorio


A continuación celebrarase a mesa redonda “Os beneficios do Camiño: terapia de benestar”, moderada por Lucrezia Lopez. Nela participarán M. Asunción Arias, presidenta da Asociación do Camiño de Santiago por Valdeorras e editora da revista Caderno do Camiño; Jesús A. Picallo Santos, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia e presidente do Camiño do Solpor; e Diana Fernández Méndez, profesora e investigadora do grupo GAME (IDEGA).


A segunda mesa, titulada “O Camiño de Santiago: dinámicas e transformacións socio-territoriais”, contará coa presenza de Manuel Miras Franqueira, senador e presidente de honra da Asociación dos Concellos do Camiño Inglés; José Luis Fernández Ansedes, vicepresidente da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño do Norte e presidente de Abrindo Camiño (Mondoñedo); e Ángel Trabada Gómez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo e vicepresidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

Unha xornada con espazo para a experiencia


O programa inclúe tamén actividades de carácter participativo. Ás 14:00 horas, M. Asunción Arias presentará o vídeo “Que ninguén che diga que non se pode”, unha peza audiovisual que recolle historias de superación persoal inspiradas na peregrinación xacobea.


A sesión rematará cun obradoiro práctico guiado por Guido Álvarez, baixo o título “Lugo e o Camiño de Santiago”. A saída, prevista ás 16:30 horas dende a Porta de San Pedro, convidará ás persoas participantes a descubrir sobre o terreo o patrimonio e os espazos de encontro que o Camiño ofrece no corazón da cidade amurallada.


As persoas interesadas en asistir poden inscribirse ou solicitar máis información a través do correo cetur@usc.es.

Scroll al inicio