Seminario: «Crecimiento, desigualdad y emisiones: efectos heterogéneos del turismo»

Este vindeiro xoves 20 de outubro, o Programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica (DRIE), programa o seminario ‘Crecimiento, desigualdad y emisiones: efectos heterogéneos del turismo», da man do investigador Andrés González Rodríguez.

A intensificación do turismo nas nosas sociedades fai necesaria a busca da sustentabilidade do mesmo nas súas vertentes económica, social e ambiental. O presente estudo, que se exporá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago, analiza por cada euro de gasto turístico tres indicadores: o valor engadido bruto (VAB) xerado, un indicador de equidade distributiva baseado no índice de Atkinson e as emisións imputadas de CO2.

Cunha matriz de contabilidade social (SAM) de España (2019) e datos da OCDE, estimouse o impacto diferencial de 77 modalidades de turismo clasificadas por país de orixe do visitante. Desta maneira, observouse un impacto marcadamente heteroxéneo en cada unha das variables segundo o tipo de turismo. Mediante a simulación de escenarios definidos polas prioridades do planificador, determinouse con precisión que bens e pautas de gasto resultan decisivos para cumprir os obxectivos fixados.

Os resultados mostran que o turismo non é un fenómeno homoxéneo e apoian a adopción de políticas diferenciadas que promovan aquelas modalidades capaces de xerar máis VAB, reducir a desigualdade e minimizar a pegada de carbono. Estas orientacións ofrecen criterios operativos para avanzar cara a un desenvolvemento turístico competitivo, equitativo e baixo en carbono.

Se non podes asistir de maneira presencial e queres participar por Teams, podes solicitar os datos de acceso á reunión ao correo idega@usc.gal.

Scroll al inicio