Transformar ideas en solucións sostibles para o desenvolvemento rexional. Este é o obxectivo do programa USGAT (Unleashing sustainable growth through applied technologies), iniciativa que está a desenvolver un máster internacional que conecta Europa e Latinoamérica a través de 13 institucións. A USC, a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), despregou esta semana un ciclo de capacitacións para formar os futuros docentes en temas clave como territorio, innovación, análise de datos e economía aplicada.
O proxecto, que xa traspasou o ecuador e que está coordinado dende a USC, reuniu a 50 participantes que fortaleceron capacidades para formular estratexias e evaluar impactos con enfoque rexional, vinculando os coñecementos académicos co sector socioprodutivo. A estancia académica completarase cun programa de actividades en Nápoles a vindeira semana para a posta a punto do mestrado que se impartirá en 12 universidades latinoamericanas a partir de 2027. Alí, os participantes formaranse en métodos de investigación e análise de datos, a medición da produtividade e eficiencia, análise espacial, análise contrafactual de políticas públicas, política industrial e competitividade de clústers.

O posgrao permitirá ao estudantado adquirir habilidades conceptuais e técnicas para analizar casos prácticos que teñan un impacto real nos territorios e afrontar os desafíos globais do noso tempo. Abrirá aportunidades no mercado de traballo ao consolidar un perfil preparado para integrarse en organizacións públicas ou privadas, deseñar e implementar iniciativas con impacto económico, social e tecnolóxico e acompañar procesos de transformación de rexións que buscan un desenvolvemento sustentable, cun enfoque práctico e baseado na evidencia.
O vindeiro xuño, o profesorado da USC desprazarase a Latinoamérica para a captación de talento e a capacitación dos futuros docentes en competencias europeas que abranguen a sustentabilidade, modelos verdes, emprendemento social e modelos cuantitativos de impacto.
Financiado por Erasmus + e cun orzamento perto dos 800.000 euros, USGAT conta cos seguintes socios participantes: Corporación Universitaria Autónoma do Cauca e da Universidade Tecnolóxica do Choco, de Colombia; da Universidade Nacional de Córdoba e da Nacional do Litoral, de Arxentina; da Universidade Tecnolóxica Empresarial de Guayaquil, da Estatal Península de Santa Elena e da Escola Politécnica Nacional, de Ecuador; da Universidade Nacional do Centro de Perú, da Nacional de San Cristóbal de Huamanga e do centro Descocentro, de Perú; e da Universitá degli Studi di Salerno, de Italia.

