A renaturalización fluvial, a mellora do bosque de ribeira e o fomento da biodiversidade do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano. Con estes obxectivos naceu Renatur_Outes, un proxecto no que participou a USC a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que presentou este xoves na Facultade de Bioloxía os resultados dunha intervención que logrou restaurar 2 km de cauce e mobilizar a máis de 600 persoas voluntarias.
A ciencia, a xestión pública e a educación ambiental déronse a man para avanzar na recuperación deste ecosistema fluvial ao seu paso polo concello de Outes. A xornada foi inaugurada por Inés Gusman, directora do Centro de Estudos Rexionais (CEER), e por Ángeles Piñeiro, membro do grupo ANTE e coordinadora do proxecto na Universidade de Santiago; Miguel Serrano, do departamento de Botánica da USC; Jonatan Rodríguez Parra, da área de ecoloxía da USC; Carmen Fabregat, da Universidade da Coruña (UDC); Luis González, da Universidade de Vigo (UVigo); e Joám Evans, da Fundación Montescola.

Ao longo dos tres anos de intervención lográronse restaurar máis de 20.000 m² de áreas verdes e máis de 4 km de río limpo. Xeráronse 300 m² de illas de biodiversidade e implicáronse máis de 800 persoas en procesos de gobernanza e participación social. Ángeles Piñeiro, pola súa banda, destacou a Declaración de Dereitos do río Tins acadada o 1 de marzo de 2024 que o consolidou como o primeiro río con dereitos de España. “Os resultados do proxecto son físicos, pero a participación activa da comunidade local é un dos logros máis importantes. As asociacións de veciños, fundacións que traballan no territorio e o alumnado foron clave nestas accións de concienciación e recuperación do río”, explica.
Na xornada presentáronse os avances en biodiversidade e ecoloxía e analizáronse as diversas actuacións realizadas para a mellora da conectividade do leito fluvial, recuperación do bosque de ribeira e o control de especies invasoras como as distintas acacias presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia. Estas accións permitiron reducir a presión das invasoras e favorecer a rexeneración da vexetación autóctona de ribeira.
Renatur_Outes estivo coordinado polo Centro de Estudos Eurorrexionais (Fundación CEER) e liderado polo Concello de Outes, e contou coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, así como de Montescola. Dende a USC, o IDEGA colaborou nos traballos preliminares sobre os riscos de inundación na área de estudo do proxecto. A iniciativa contou co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.

