O despoboamento de amplas zonas do territorio español consolidouse como un dos principais desafíos do noso tempo. Coa intención de analizalo e darlle resposta dende unha cooperación interdisciplinar, nace DESP-OB, unha rede estatal que analiza os efectos territoriais, sociais e económicos do reto demográfico. A iniciativa está coordinada dende a USC por Rubén C. Lois, director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). «Existía a necesidade dunha proposta de investigación que unificase as especializacións en economía, xeografía e comunicación”, expón.
A perda de poboación é un dos fenómenos máis relevantes da actualidade galega e española, e a denominada “España baleira(da)” implica alteracións nas estruturas demográficas, dende o abandono do rural ata a entrada de xente nova neses espazos. Entre os principais obxectivos do proxecto destaca a creación dun observatorio sobre o despoboamento, concibido como un espazo de recompilación e análise de datos de moi diversa procedencia. “Queremos contar con entrevistas e arquivos que recollan a voz da xente que vive no rural”, explica Lois.
DESP-OB aspira a xerar coñecemento útil para a toma de decisións públicas no marco do reto demográfico. O proxecto contempla a elaboración de recomendacións orientadas á transferencia social e á mellora das políticas. “As decisións gobernamentais deben resolver problemas concretos. Nas áreas onde hai procesos de abandono obsérvanse consecuencias como un maior risco de incendios forestais”, apunta o director do IDEGA. Neste senso, o proxecto pretende achegar evidencia científica que contribúa a deseñar estratexias más eficaces fronte ao despoboamento, integrando a análise territorial con propostas orientadas á sustentabilidade e ao equilibrio demográfico.
DESP-OB está integrado por once centros de investigación de distintas universidades e organismos públicos que traballan de forma coordinada para ofrecer unha visión integral do fenómeno. Con DESP-OB, o IDEGA reforza o seu papel como referente no estudo das dinámicas territoriais e do desenvolvemento rexional, situando a investigación galega no centro do debate estatal sobre o reto demográfico.
DESP-OB é unha das iniciativas seleccionadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación na convocatoria 2024 do programa “Redes de Investigación”, no marco do Programa Estatal de Transferencia e Colaboración do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2024-2027.

