Presentación do libro “Xeopolítica dende a base”

Este venres en Moaña terá lugar a presentación do libro “Xeopolítica dende a base. Tendencias internacionais, participación social e sector educativo”, cos coordinadores Rubén C. Lois, do IDEGA da USC e Breixo Martins e María Isabel Doval da Universidade de Vigo.

O acto terá lugar ás 10.00 horas no IES A Paralaia (Moaña, Pontevedra) e contará con Alba López Bolás (UVigo), Álvaro Rodríguez Cid (IES A Paralaia), Leticia Santos (Concello de Moaña) e os alumnos do IES A Paralaia Xián Calvar, María Serrano, Candela Piñeiro, Alba Martín, Lucía Justo, Eva Abraldes, Leire Marcos e Olalla Martínez.

Unha visión diferenciada da xeopolítica

No contexto internacional actual, a xeopolítica está no centro do debate cidadá na práctica totalidade de países occidentais. Pola contra, pese á gran cantidade de información presente
nos medios académicos e de comunicación, a visión sobre as dinámicas internacionais é moi reducionista. O papel da cidadanía ou o peso dos factores económicos, culturais e sociais, tanto globais coma locais, quedan subsumidos polo discurso dos grandes xogos de poder económico e, especialmente, militar.

Esta obra tenta aportar unha visión diferenciada da xeopolítica. Analiza o peso das dinámicas económicas no contexto internacional poñendo o foco no turismo ou no extractivismo. Enfatiza o rol da muller na conformación de Europa e analiza casos específicos de mulleres relevantes para as dinámicas internacionais. Afonda na relación e no papel da xeografía como disciplina científica nas investigacións xeopolíticas e estuda a creación de imaxinarios, tanto en medios tradicionais, como nas imaxes xeradas mediante Intelixencia Artificial.

Por último, esta obra tenta articular un visión diferenciada da política internacional mostrando a ampla diversidade de temáticas relacionadas cun enfoque multidisciplinar e participativo. Esta obra diferénciase na medida en que combina o máximo rigor académico de artigos científicos universitarios, destacando o papel da xeopolítica no sector educativo, con aproximacións metodolóxicas de gran relevancia aportadas por alumnos da ensinanza obrigatoria e bacharelato xunto coas perspectivas humanas e directas de sectores de refuxiados na Galiza rural.

Scroll ao inicio