
O seminario do Programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica (DRIE) desta semana terá lugar o xoves 12 de marzo ás 16.30 h. Leva por nome “The Cost of (In)Credibility: Anticipation, Surprise and the Investment Channel of the EU Carbon Border Adjustment Mechanism” e será impartido por Andrés González, Gonzalo Rodríguez e Xesús Pereira.
Neste seminario estúdiase o caso do Mecanismo de Axuste de Carbono na Fronteira (CBAM) e compárase distintos escenarios segundo o que os axentes económicos esperan que ocorra e o que finalmente sucede. Mediante un modelo económico que inclúe varios países e sectores, o estudo mostra que as expectativas sobre a aplicación do CBAM poden provocar cambios anticipados nos investimentos, especialmente en sectores intensivos en carbono. Ademais, destaca que anunciar políticas climáticas e non aplicalas pode xerar custos económicos relevantes, polo que a credibilidade e a comunicación das políticas públicas resultan clave para unha transición climática eficiente.
Se non podes asistir de maneira presencial e queres participar por Teams, podes solicitar os datos de acceso á reunión no correo idega@usc.gal.


