Seminario: ‘Vulnerabilidade urbana na cidade de León’

Este mércores 11 de marzo, ás 19:30 h, na Sala de Xuntas do Decanato da Facultade de Xeografía e Historia, o seminario de Futuros Urbanos (SFU) do IDEGA contará coa presenza de Javier Ordás del Corral (Universidad de León). O investigador realizará un relatorio sobre a cuestión: “Vulnerabilidade urbana na cidade de León, e será seguido por unha discusión aberta a todas as persoas presentes.

Por que algúns barrios concentran situacións de desvantaxe social dentro das cidades? A vulnerabilidade urbana consolidouse como un concepto chave para analizar como os procesos de segregación espacial, exclusión social e degradación da contorna construída se combinan e se materializan no territorio.

Esta presentación aborda este fenómeno a partir dunha investigación recente centrada na cidade de León. O estudo propón unha análise empírica que examina a distribución espacial da poboación usuaria de prestacións sociais durante o período 2017–2020 na devandita cidade, combinando unha análise estatística e cartografía elaborada con Sistemas de Información Xeográfica (SIX). Os resultados permiten identificar e caracterizar os barrios nos que se concentran situacións de vulnerabilidade e reflexionar sobre como estes procesos se manifestan nas cidades medias do interior de España.

Javier Ordás del Corral é profesor e investigador da Universidad de León. O seu traballo sitúase no ámbito da xeografía urbana e social, con especial interese nos procesos vinculados coa vulnerabilidade e coa transformación da paisaxe urbana. Forma parte do Grupo de Investigación Consolidado INVESTER (ULE) e actualmente participa no proxecto de investigación FACTIBLES Prácticas artísticas participativas para la apropiación del espacio público y el desarrollo de la calidad de vida urbana.

Scroll ao inicio