Vulnerabilidade dixital e desigualdade educacional: un enfoque multidimensional

O seminario desta semana do Programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica (DRIE) organizado polo grupo GAME leva por título ‘Digital Vulnerability and Educational Inequality: A Multidimensional Approach’. Será impartido este mércores 18 de novembro ás 16.30 horas no Seminario de Fundamentos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais polos investigadores da USC José Manuel Amoedo Meijide e Bruno Blanco Varela.

A medida que as tecnoloxías dixitais se integran cada vez máis no ámbito educativo, a desigualdade non depende unicamente do acceso aos recursos tecnolóxicos, senón tamén da capacidade dos estudantes para utilizalos de xeito eficaz e obter proveito deles. Este estudo analiza a vulnerabilidade dixital como unha fonte multidimensional de desigualdade educativa e propón un marco que considera, de xeito conxunto, o acceso á tecnoloxía no fogar e na escola, as competencias dixitais e as pautas de uso tecnolóxico.

A partir de microdatos da mostra española de PISA 2022, construímos un indicador multidimensional non compensatorio da vulnerabilidade dixital, o cal permite que as desvantaxes en distintas dimensións coexistan sen ser plenamente compensadas polas vantaxes noutras. Posteriormente, analizamos os determinantes socioeconómicos e educativos da vulnerabilidade dixital e examinamos a súa relación co rendemento dos estudantes en matemáticas, lectura e ciencias, empregando modelos de regresión multinivel.

Os resultados revelan un claro gradiente socioeconómico na vulnerabilidade dixital, aínda que a súa magnitude varía considerablemente segundo a dimensión analizada. A desvantaxe socioeconómica asóciase, en particular, cunha menor dispoñibilidade de TIC no fogar e unha maior vulnerabilidade dixital xeneral; pola contra, as desigualdades na dispoñibilidade de TIC na contorna escolar son notablemente menores. Así mesmo, os estudantes dixitalmente vulnerables presentan un rendemento académico significativamente máis baixo, mesmo tras controlar variables individuais, familiares, escolares e territoriais. No entanto, esta asociación resulta altamente heteroxénea entre as distintas dimensións: as competencias dixitais e a dispoñibilidade de TIC no fogar son os factores que mostran unha relación máis estreita co rendemento académico.

Estes achados suxiren que a desigualdade dixital non pode comprenderse adecuadamente mediante indicadores illados de acceso, competencias ou uso. Unha perspectiva multidimensional ofrece un marco máis integral para analizar como a dixitalización interactúa coas desigualdades socioeconómicas preexistentes e condiciona as oportunidades educativas.

Se non podes asistir de maneira presencial e queres participar por Teams, podes solicitar os datos de acceso á reunión ao correo idega@usc.gal.

Scroll ao inicio