Mar Durán, primeira muller en liderar un grupo de investigación en Psicoloxía Social en Galicia

A Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) —única Facultade de Psicoloxía en toda Galicia— fai historia coa profesora Mar Durán, que se converte na primeira muller en liderar un grupo de investigación na área de Psicoloxía Social situado no Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía.

A investigadora do IDEGA é cofundadora e responsable do grupo ULTRAMAR (Unidade de Laboratorio, Traballo Ambiental, Metodolóxico de Aprendizaxe e Relacións sociais), consolidando un fito na traxectoria académica e científica da institución. Á fronte deste grupo de investigación, impulsa novas liñas de estudo entre as que destacan as relativas ao Camiño de Santiago desde unha perspectiva socioambiental, consolidando unha destacada traxectoria académica recoñecida a nivel internacional.

ULTRAMAR é un grupo interdisciplinar de investigación conformado por expertos en Psicoloxía Social e Ambiental, con María del Mar Durán Rodríguez; Metodoloxía das Ciencias do Comportamento, con Eulogio Real Deus; e Psicoloxía Evolutiva e da Educación, con María del Carmen Torres Maroño. O grupo está orientado a xerar coñecemento científico aplicado que facilite a comprensión das dinámicas sociais e ambientais desde unha perspectiva integradora, promovendo investigacións innovadoras que contribúan á transformación e mellora de contextos educativos, comunitarios e ambientais.

Este termo simboliza a vocación do grupo de ir máis aló dos límites convencionais do coñecemento, explorando novas fronteiras interdisciplinares, ampliando horizontes para comprender mellor as interaccións humanas nos seus múltiples contextos. O liderado da profesora Mar Durán no grupo ULTRAMAR marca un avance significativo na visibilización e proxección do talento feminino na investigación universitaria galega, abrindo camiño a novas xeracións de investigadoras no ámbito da Psicoloxía Social.

Scroll al inicio