O proxecto europeo Design of Inclusive Public Space 101235951 (DIPS), centrado no deseño de espazos públicos inclusivos en cidades latinoamericanas, iniciou este xoves o seu percorrido en Tesalónica (Grecia). A iniciativa está dirixida pola profesora de Xeografía e investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, María José Piñeira Mantiñán, e ten como obxectivo principal a posta en marcha dun mestrado transnacional.
A xuntanza de lanzamento do proxecto celebrouse este xoves 8 de xaneiro e prolongarase ata o día 10 na Universidade de Tesalónica. Ao encontro asistiu tamén o director do IDEGA, Rubén C. Lois. No proxecto participan seis universidades de Arxentina, Ecuador e Paraguai, xunto con administracións públicas, consultoras e entidades non gobernamentais gregas.
Nos últimos anos, o deseño e a accesibilidade dos espazos públicos en América Latina convertéronse nun eixo central do planeamento urbano. Estes espazos desempeñan un papel fundamental na promoción da participación comunitaria, da cohesión social e da inclusión. Porén, moitas áreas urbanas carecen de espazos públicos axeitadamente deseñados, o que provoca a exclusión de colectivos especialmente vulnerables como as persoas envellecidas, a cativada, as persoas con discapacidade, as mulleres ou as minorías étnicas. Un deseño urbano deficiente non só limita o seu uso do espazo público, senón que tamén restrinxe a participación social e o acceso a servizos esenciais, perpetuando así as desigualdades existentes.
Ao longo dos tres anos de duración do proxecto, desenvolveranse novos plans de estudo orientados a mellorar as competencias e as perspectivas de empregabilidade do estudantado. Ademais, promoverase a implementación dun novo modelo de gobernanza universitaria no que o estudantado, a través de proxectos prácticos, será quen de impulsar iniciativas dirixidas a garantir a equidade, a seguridade e a inclusión nos espazos públicos.
O proxecto DIPS foi concedido no marco da convocatoria da UE ERASMUS-EDU-2025-CBHE-STRAND-2 — Capacity building in the field of higher education Strand 2 e ten un orzamento de 797.133 euros.

