O informe especial sobre a economía galega que publica anualmente o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) analizou en 2025 o papel da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto no emprego. O documento evidencia que a produtividade nas empresas vese beneficiada cando a IA complementa as persoas e os procesos, pero esmorece cando non existe un redeseño no fluxo de traballo. Senén Barro, o coordinador e autor do informe xunto con Marcos Almeida Cerreda, Luis Míguez Macho eLuis Alberto Otero, alega que “non se debe prescindir de profesionais, senón sumarlles as capacidades que ofrece a IA”.
Galicia conta cunha implantación da IA por debaixo da media estatal (10,3% fronte a 11,4%) e da Unión Europea (13,5%). “Non nos interesa tanto a cantidade de empresas que adoptaron IA, senón se lle están sacando rédito. As pemes deberían repensar como integrar a IA para innovar, cal é o uso axeitado, hai todo un camiño de adopcións de valor engadido”, explica Barro. Para conseguir isto, subliña a necesidade de que as empresas contacten con expertos que lles poidan prestar asesoramento xa que na actualidade, a presenza de talento en IA nas empresas é reducida (1,89% dos especialistas TIC).
O documento reflexiona sobre a lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia (LIAG), a cal debe concretar aspectos no seu regulamento, sendo “absolutamente respectuosa co marco normativo que España desenvolverá”, para engadir certidume na economía galega. “Debemos ter claro que podemos facer e que non”, engade Barro. Na súa análise, os expertos abren unha festra de luz ao considerar que Galicia dispón de “todos” os instrumentos necesarios para a adopción da IA con impacto na produtividade, como son o sector TIC, a actividade de I+D e a formación de talento nas universidades públicas.
Entre as recomendacións que expoñen os autores, enmárcanse a creación de plataformas seguras de intercambio de datos entre empresas e sector público; un programa de impulso á adopción da IA nas pemes; programas intensivos de mellora e competencias e reciclaxe profesional; reforzar capacidades directivas; crear un sistema estatal-autonómico de estatísticas homologables e abertas para comparar con transparencia; e solventar a fenda en márketing, vendas e I+D, onde Galicia conta cun menor uso da IA. “Debemos apostar por unha IA confiable: explicación, supervisión humana, seguridade. A IA confiable é rendible”, conclúe o informe.

