O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) é un centro universitario da Universidade de Santiago de Compostela (USC), creado en 1976 co obxectivo de fomentar a investigación científica de excelencia no ámbito das ciencias sociais. Desde a súa orixe, o IDEGA traballa para contribuír á xeración de coñecemento rigoroso sobre a realidade social, económica e territorial de Galicia, así como para difundir os resultados da investigación en beneficio do conxunto da sociedade.

 

Ao longo de case cincuenta anos de traxectoria, o IDEGA abordou de maneira continuada os principais desafíos aos que se foi enfrontando a sociedade galega. En 2022, o Instituto levou a cabo unha reformulación da súa axenda científica co propósito de adaptarse aos novos retos sociais, caracterizados pola necesidade de enfoques amplos e inclusivos.

 

No contexto da investigación en Ciencias Sociais e Xurídicas en Galicia, o IDEGA preséntase como un centro multidisciplinar de referencia en investigación e formación. Integra coñecementos e capacidades procedentes de diversos ámbitos —social, político, económico, xurídico, tecnolóxico, empresarial, xeográfico, territorial e cultural— co fin de promover proxectos que analizan e propoñen respostas aos principais retos socioeconómicos contemporáneos.

 

A actividade investigadora do IDEGA estrutúrase arredor de grandes liñas temáticas como o tecido económico, as tecnoloxías disruptivas, a demografía e o territorio, e a enerxía e o medio ambiente, abordando cuestións clave para o desenvolvemento sostible, a cohesión social e o benestar da cidadanía galega.

Scroll ao inicio