Onte, 21 de xaneiro, tivo lugar unha reunión do proxecto EPSULA na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
Na inauguración da mesma participaron Pilar Bermejo, Vicerreitora de Política Científica, Rubén Lois (director do IDEGA e do grupo de investigación ANTE) e Athena Alchazidu, da Universidade Masaryk de Brno (República Checa), directora do grupo de investigación que lidera o proxecto.
A reunión tivo carácter híbrido (presencial e virtual). De xeito presencial, ademais dos representantes da República Checa e da USC, participaron profesores da Universidade de Tampere (Finlandia). De xeito virtual participaron varias universidades de El Salvador e Ecuador, que forman parte do consorcio: Universidad Católica de El Salvador e Universidad Don Bosco (El Salvador) e Universidad del Azuay e Universidad Politécnica Salesiana (Ecuador).
O proxecto EPSULA busca abordar a exclusión social de comunidades vulnerables en áreas rurais e remotas de Ecuador e El Salvador a través da creación dunha contorna educativa en liña. Un dos obxectivos do proxecto é desenvolver un portal multilingüe que servirá como colección de material tanxible e intanxible do patrimonio cultural en perigo de desaparecer. Tamén se elaboran módulos educativos e capacitacións para promover o turismo sostible.
Os socios latinoamericanos recompilan, rexistran, transcriben e traducen materiais de comunidades indíxenas vulnerables, mentres que os socios europeos (entre eles a USC) desenvolven o portal e os módulos educativos. Os socios locais poñen a proba estes recursos nas súas institucións e programas existentes, así como en talleres e capacitacións. Ademais, o papel da USC tamén é a coordinación dun Work Package sobre control de calidade do proxecto.