Os XII Premios Valentín Paz Andrade distinguen estudos sobre accesibilidade, distribución da renda e pesca na Galicia cantábrica

A décima segunda edición dos Premios Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, convocado con carácter anual polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), xa ten gañadores despois de que o xurado se reunise en San Xerome para valorar os traballos presentados.

O galardón recoñece aqueles traballos de investigación (artigos publicados e teses de doutoramento) que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento de mellores políticas para o benestar da cidadanía.

Na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, o xurado outorgou o premio ao artigo Travel-time accessibility and adaptive spatial planning solutions for the healthcare system do que son autores José Balsa-Barreiro, Sérgio F.A. Batista, Gaby J. Hannoun e Mónica Menéndez, e que está publicado na revista npj Health Systems, 2 (2025). O xurado destacou o seu rigor académico, a orixinalidade do seu enfoque e o interese das futuras liñas de investigación que abre. Resaltou a “utilidade práctica dos resultados da investigación presentada e a relevancia da súa contribución para o progreso do coñecemento da realidade socieconómica de Galicia en cuestións vencelladas ao avellentamento da poboación e o seu impacto sobre o territorio”.

Na segunda categoría, relativa ás teses de doutoramento publicadas en calquera universidade, o xurado resolveu un ex – aequo ás teses tituladas A relación entre a distribución funcional e persoal da renda. Proposta metodolóxica e aplicación para España e Galicia no período 2007-2021, realizada por José Manuel Amoedo Meijide, e Pesca e negocio na Galicia cantábrica. De Cariño a Ribadeo entre o Catastro de Ensenada e o desestanco do sal, realizada por José María Leal Bóveda.

Da investigación realizada por José Manuel Amoedo Meijide, o xurado destacou o seu carácter pioneiro na investigación da distribución persoal da renda en Galicia, de “gran relevancia” para a mellor asignación de recursos e a consecución de cotas máis altas de equidade na sociedade galega, así como a solidez do enfoque metodolóxico empregado. Respecto á tese elaborada por José María Leal Bóveda, o xurado realzou a “utilización crítica e exhaustiva das fontes dispoñibles para modificar de maneira significativa a interpretación dun período da historia pesqueira e industrial de Galicia moi importante para entender a orixe e evolución da realidade socioeconómica do país”.

O xurado

O xurado desta XII edición estivo composto polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, que o presidiu; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario do IDEGA, Manuel Fernández Grela, que actuou como secretario do xurado; o membro do Consello Científico do IDEGA Melchor Fernández Fernández; o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Martínez Varela; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán R. Doldán García; o catedrático emérito da Universidade da Coruña Fernando González Laxe; e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Vázquez Vicente.

Scroll al inicio