O catedrático da área de Análise Xeográfica Rexional e director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), Rubén C. Lois González, convértese no novo responsable editorial da Serie AGES (Advances in Geographical and Environmental Sciences) de Springer Nature.
Springer Nature é unha prestixiosa editora global de textos científicos, técnicos e médicos. Indexada recentamente en Scopus, a serie AGES publica varias obras anualmente, reflectindo as procuras das diversas xeografías que se cultivan ao longo do mundo. O seu obxectivo é popularizar investigacións recentes sobre o Antropoceno, os desafíos ambientais das cidades, os efectos da mobilidade humana, as desigualdades territoriais e os enfoques da Xeografía crítica, entre un amplo abano de análises de contido territorial vinculadas ao medio ambiente e ás ciencias da terra.
A Serie AGES é patrocinada pola Unión Xeográfica Internacional (UXI), da que Lois é vicepresidente, e a través dela dáse voz ás aportacións máis salientábeis de xeógrafos de Asia, América Latina, África, países árabes e a rexión mediterránea, entre outros. Lois comparte responsabilidades desta serie editorial cos tamén profesores Yukio Himiyama, da Hokaiddo University in Education (Xapón), e Subbash Anand, do College of Economy da University of Delhi (India).




