As profesoras Lucrezia Lopez, directora do CETUR, e Mar Durán, coordinadora do grupo ULTRAMAR, participaron entre os días 27 e 30 de marzo nun encontro internacional celebrado en Budapest no marco do proxecto europeo EUniWell. As tamén investigadoras do IDEGA desprazáronse á capital húngara para asistir a un seminario organizado polo Institute of Mental Health da Semmelweis University of Budapest, no contexto do proxecto Pilgrim-Aphy-Tour (Pilgrimage as Well-being Therapy. Exploring Mental, Physical and Social Benefits of Walking Pilgrimage), liderado por Lopez. No encontro participaron tamén equipos da Universidade de Florencia (UNIFI) e da Taras Shevchenko National University de Kyiv (KNU), ademais da propia USC e da universidade anfitrioa, reforzando así a dimensión internacional do proxecto.
O programa de traballo desenvolveuse nas instalacións do Institute of Mental Health da Semmelweis University. Os equipos analizaron o estado actual do proxecto, revisando o avance das investigacións, os plans editoriais, os próximos pasos e a posible difusión dos primeiros resultados, así como cuestións organizativas relacionadas coa peregrinación a Santiago. O sábado pola tarde tivo lugar unha sesión de conferencias abertas ao público, na que participaron membros da comunidade peregrina húngara e outras persoas interesadas, promovendo o diálogo, o intercambio de coñecementos e a creación de redes de colaboración.
A conferencia a cargo das docentes e investigadoras do IDEGA levaba por título “The Camino de Santiago: a Polysemic Route. Present Dynamics and Future Perspectives”, na que se abordaron as dinámicas actuais do camiño, destacando as súas perspectivas de futuro e a necesidade de afondar no estudo dos distintos perfís de peregrinos e das súas motivacións, entre as que salientan a saúde e a súa función terapéutica. Así mesmo, púxose de relevo que a análise destas dinámicas sociais e ambientais resulta fundamental para promover unha planificación turística e territorial máis sostible e adaptada aos retos actuais.

Polo xeral, este encontro presencial constituíu, ademais, unha oportunidade clave para reforzar os lazos de colaboración académica e investigadora entre as universidades participantes, favorecendo o intercambio directo de coñecementos e experiencias. Durante estas xornadas, as investigadoras traballaron tamén no desenvolvemento de novas liñas e propostas de investigación conxuntas, orientadas a consolidar a cooperación internacional e a ampliar o impacto científico do proxecto. Este espazo de traballo colaborativo permitiu identificar sinerxías entre os equipos, explorar futuras publicacións compartidas e avanzar na definición de iniciativas que reforcen a dimensión interdisciplinar da investigación.
Un proxecto sobre peregrinación e saúde integral
O proxecto Pilgrim-Aphy-Tour céntrase no estudo dos beneficios da peregrinación a pé para o benestar mental, físico e social. Para iso, o equipo desenvolverá investigación aplicada baseada na elaboración e análise de cuestionarios dirixidos a peregrinos e camiñantes, así como na realización de entrevistas a diversos axentes locais ao longo das rutas piloto. O estudo adopta unha perspectiva comparada a partir de tres grandes itinerarios europeos: o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e o Camiño de María. Esta análise permitirá identificar o potencial terapéutico de cada ruta, sinalando tanto as súas similitudes como as súas particularidades.
Como peche do proxecto, está previsto que o evento final se celebre en Santiago de Compostela, onde se organizarán tamén sesións abertas ao público co obxectivo de achegar os resultados da investigación á cidadanía e fomentar o diálogo entre a comunidade académica, os axentes locais e as persoas interesadas na peregrinación e o benestar.




