O investigador Jacob Copeman, vinculado ao IDEGA, obtén unha bolsa Advanced Grant
Con preto de 2,5 millóns de euros, liderará o proxecto GuruAI no que se analizarán os asistentes virtuais deseñados para ofrecer orientación espiritual

O investigador Jacob Copeman liderará na USC o proxecto titulado ‘GuruAI: A Global Anthropology of the Transformation of Guruship in the Age of Artificial Intelligence’ no que profundará en como está a evolucionar a figura do gurú nos tempos nos que impera a Intelixencia Artificial. O proxecto realizarase ao abeiro dunha bolsa Advanced Grant dotada con 2.495.054 euros e desenvolverase ao longo de cinco anos. Ademais da USC, participan como socios a University of Edinburgh e Regents of the University of California. Jacob Copeman está vinculado ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e ao grupo Análise Territorial (ANTE) da USC.

A convocatoria ERC Advanced Grant impulsada polo Consello Europeo de Investigación (ERC) diríxese a persoal investigador consolidado, cunha traxectoria científica salientable. Esta convocatoria financia proxectos de investigación na fronteira do coñecemento, altamente innovadores e de enorme ambición. As ERC Advanced Grants ofrecen financiamento de ata 2,5 millóns de euros durante cinco anos. Nesta última convocatoria, solicitaron financiamento máis de 3.300 propostas, das cales só foron finalmente seleccionadas un total de 317, entre elas a da USC. Estas cifras evidencian que se trata dunha convocatoria altamente competitiva cunha taxa de éxito que se sitúa no 9,8 %.

Estudo pioneiro

Coa eclosión da Intelixencia Artificial, proliferan tamén asistentes virtuais deseñados para ofrecer orientación espiritual e respostas a problemas da vida cotiá. Os gurús baseados en IA —sistemas que emulan a guía personalizada, o carisma e a devoción— están a multiplicarse a nivel mundial. “Lonxe de ser meras novidades, son provocacións conceptuais que cuestionan os fundamentos ontolóxicos da figura do gurú”, destaca Jacob Copeman.

Neste senso, o proxecto pon o foco en como o guruismo—antes considerado inseparable do carisma encarnado e a herdanza divina— estase reconfigurando mediante código e datos. GuruAI é o primeiro estudo sistemático desta forma emerxente e introduce novos marcos conceptuais: o sacrilexio algorítmico, cando a replicación viola os límites teolóxicos; o sincretismo xerado por código, cando os conxuntos de datos xeran formas híbridas de devoción; o gurú ambiental, onde o carisma se difunde nunha presenza dixital sempre dispoñible; e o paragurú, onde a autoridade similar á do gurú emerxe máis aló da relixión.

Combinando a etnografía en múltiples lugares da India, Estados Unidos, Singapur e os Países Baixos coa construción dun prototipo experimental (MetaGuru), GuruAI ofrece perspectivas comparativas urxentes sobre a simulación e as dimensións éticas e relacionais do discipulado dixital. O proxecto ofrece unha nova visión teórica de como se está reinventando a figura do gurú a través de códigos, interfaces e simulacións. 

Scroll ao inicio