Os vindeiros 24 e 25 de setembro, celebrarase a xornada ‘Marx en Compostela. Novas voces na crítica da economía política’ no Salón de Grados da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Ao longo das últimas décadas xurdiron diversas lecturas da obra madura de Karl Marx que rachaban de base coas interpretacións que se converteran en ortodoxia no século pasado, como o Marxismo Político de Robert Brenner e Ellem M. Wood; o Marxismo Aberto no Reino Unido, da man de autores como Simon Clarke ou John Holloway; o Eco-marxismo de John B. Foster e Paul Burkett; a Teoría da Reprodución Social de Tithi Bhattacharya e Sue Ferguson; e a Neue Marx-Lektüre alemana. Aínda que con diversos puntos de partida, todas elas centran a súa atención analítica na obra madura de Marx: o proxecto da Crítica da Economía Política. Fuxindo de lecturas economicistas, deterministas ou substancialistas que dominaran as décadas precedentes, estes enfoques sitúan no centro da súa pesquisa a especificidade histórica das sociedades capitalistas, a relación existente entre a materialidade da reprodución humana e as determinacións impostas polas formas sociais capitalistas.
Con posterioridade á Gran Recesión, rexurdiu un renovado interese polo pensamento de Marx e, máis concretamente, polas diversas aportacións teóricas que aquí agrupamos baixo o nome da Crítica da Economía Política. Con tal motivo, a organización deste evento reviste un dobre obxectivo. Por unha banda, amosar a relevancia do aparello analítico e metodolóxico da Crítica da Economía Política para pensar a nosa contemporaneidade e a súa aplicación a diversos campos de análise, como a crise ecolóxica en curso, as novas ondas feministas ou a crise da vivenda. Por outra banda, desenvolver sinerxías entre investigadores pertencentes a diversos campos de coñecemento, aínda que cunha matriz metodolóxica común, de cara a promover a consolidación de liñas de investigación compartidas no futuro.




