O IDEGA reclama repensar as políticas de vivenda para adaptalas á realidade social e demográfica do territorio 
A II Xornada Internacional sobre a crise da vivenda aposta por avanzar cara a unha resposta máis coordinada e baseada nun coñecemento detallado da realidade habitacional

A vivenda debe ocupar un lugar central nas políticas públicas e a resposta á actual crise require combinar diferentes medidas en función dos perfís das persoas demandantes. Esta é unha das principais conclusións da II Xornada Internacional ‘A crise da vivenda. Políticas públicas para facerlle fronte a un problema crónico’, unha actividade organizada polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA)  en colaboración co Consello Económico e Social de Galicia (CES). 

O encontro, celebrado no Pazo de Amarante, reuniu representantes das administracións, persoas expertas e entidades sociais para analizar as dimensións económicas, sociais e territoriais do problema da vivenda en Galicia. Ao longo da xornada, os distintos relatores sinalaron que o planeamento urbanístico territorial se elabora de costas á realidade social, identitaria e demográfica do territorio, sen ter en conta cara a onde evolucionará a poboación nos vindeiros anos, tanto no relativo ao avellentamento como ás flutuacións demográficas e os cambios nos modelos de fogar.  

Nesta liña, criticouse a desconexión do urbanismo respecto das dinámicas reais do mercado. “É absurdo proxectar 10.000 vivendas de xeito simultáneo que se ocuparán nun período de oito anos e que, trinta anos despois, envellecerán tamén de forma simultánea. A planificación actual fracasou de maneira sistemática ao formular obxectivos afastados das necesidades das maiorías sociais”, explicou a xeógrafa e experta en vivenda do IDEGA María José Piñeira

Outra das conclusións acadadas foi que a dificultade do acceso á vivenda non depende unicamente do poder adquisitivo, senón tamén de situacións de exclusión social estrutural, como as que afectan as persoas con rendas mínimas como a RISGA ou con pensións non contributivas. “Por exemplo, no País Vasco as subvencións públicas destinadas á autopromoción comunitaria asígnanse de forma progresiva en función do nivel de renda de cada persoa. Este sistema constitúe unha fórmula socialmente máis xusta e equitativa”, considerou Piñeira. A isto sumouse unha denuncia do estigma, do racismo inmobiliario e os discursos de odio que sofren as persoas vulnerables durante a procura de vivenda.  

Por outra banda, os relatores coincidiron en que é crucial coñecer en profundidade o perfil das persoas demandantes e contar con datos para orientar mellor as políticas públicas. Ocorre o mesmo sobre a falta de datos fiables na contabilización da vivenda baleira. Neste contexto, considerouse que as administracións locais son as máis axeitadas para realizar os recontos, xa que se observa unha “disparidade” entre o que recolle o censo e a realidade. “Dende os concellos si que se poderían realizar estas recollidas de información que nos permitan obter datos máis fiables. Sen datos non se fai política”, apuntou Piñeira. Ademais, subliñouse que, aínda que as administracións realizan un esforzo para lanzar iniciativas, non rematan por chegar á poboación, habendo por consecuencia un “descoñecemento” das mesmas.  

Abordouse tamén a conveniencia de elaborar medidas para introducir as vivendas baleiras no mercado de aluguer e, aquelas que se atopen en malas condicións, poidan rehabilitarse e ofrecerse posteriormente. Propúxose que as administracións actúen como intermediarios, así como a creación de portais públicos que permitan visibilizar a oferta dispoñible e facilitar o acceso á vivenda.  

Fronte a este panorama, defendeuse un modelo de urbanismo de proximidade, baseado en barrios vivos e cohesionados, así como a necesidade de regular e planificar para evitar a segregación urbana e a creación de guetos. Neste sentido, apostouse por abandonar os plans xerais —que poden tardar ata 20 anos en tramitarse — e substituílos por modificacións puntuais máis áxiles.  

Por último, defendeuse que o dereito de propiedade non pode prevalecer de xeito absoluto sobre os dereitos fundamentais, citando expresamente o dereito á accesibilidade e poñendo como exemplo a instalación de ascensores en edificios antigos, ao tempo que se advertiu de que os barrios construídos durante os anos setenta que carecen de ascensor poden converterse en espazos de degradación urbana e abandono.  

A II Xornada Internacional organizada polo IDEGA en colaboración co CES forma parte das actividades realizadas no marco do proxecto de investigación ‘(Re)pensar las ciudades y la forma urbana: nuevas políticas para recuperar ciudades habituales en línea con la Agenda Urbana (RENEWPOLI)’, unha iniciativa de investigación científica financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España. 

Scroll ao inicio