A crise da vivenda, a debate nunha xornada internacional organizada polo IDEGA e o CES
O encontro reuniu no Pazo de Amarante a administracións, persoas expertas e asociacións

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Consello Económico e Social de Galicia (CES) impulsaron este xoves a II Xornada Internacional: ‘A crise da vivenda: Políticas públicas para facerlle fronte a un problema crónico’, unha iniciativa que reuniu á Xunta de Galicia, concellos, persoas expertas e asociacións para formular unha batería de respostas a unha das maiores problemáticas da nosa sociedade.

O encontro tivo lugar no Pazo de Amarante, a sede do CES. O director do IDEGA, Rubén Lois, e o presidente do CES, Manuel Pérez, deron a benvida. O debate contou coa participación da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allende, que impartiu a conferencia inaugural ‘A axenda do goberno galego en materia de vivenda’. No foro participou tamén a secretaria xeral do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS), María de Los Ángeles Domínguez Franjo, que explicou o Pacto da Vivenda de Galicia (2026-2030), e a xeógrafa do IDEGA María José Piñeira Mantiñán, que presentou unha caracterización xeral sobre a vivenda en Galicia. Para a mesa redonda centrada no papel das administracións locais acudiron o alcalde de Ferrol, José M. Rey Varela; o xefe da Área de Urbanismo de Arteixo, Pablo Martín Fernández; o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago, Iago Lestegás; e a concelleira de Urbanismo e Vivenda de Vigo, María José Caride Estévez.

“Dende a Universidade, especialmente desde un instituto de ciencias sociais como é o IDEGA, buscamos reflexionar sobre os elementos que teñen que ver coa planificación económica e a planificación territorial urbana, sobre os problemas sociais de Galicia, esa é a nosa misión. Coas nosas actividades desenvolvidas co CES, queremos establecer un espazo de diálogo multidisciplinar para que poida formularse un enfoque integrado sobre un dos temas que máis afecta á nosa sociedade. Debemos facelo dende un diálogo tranquilo. Esta xornada pode mostrarnos leccións sobre como afrontar un problema de longa duración como é a vivenda”, explicou Rubén Lois.

Pola súa banda, a Conselleira de Vivenda sinalou o valor de realizar esta xornada no Pazo de Amarante, “un espazo de encontro entre axentes económicos e sociais e poderes públicos”. Martínez alegou que “a vivenda é a primeira preocupación da cidadanía, por iso se precisa máis escoitar, contrastar diagnósticos e construír respostas compartidas e construtivas”. Ademais, sostivo que “é un problema que afecta non só a Galicia, afecta a todo o país e máis aló das nosas fronteiras”, e que “é un reto que non depende illadamente dunha administración ou un sector, senón que se ten que resolver coa cooperación e colaboración de todas as administracións e, por suposto, do sector”.

A xornada contou cunha mesa redonda sobre as dimensións sociais e económicas do problema da vivenda en Galicia, moderada polo investigador do grupo ANTE Iago Martínez Durán, e na que participaron o grupo promotor da cooperativa ‘Outra Forma de Vivenda’, representado por Margarida Vázquez Veras; o integrante do equipo Planificación TEC, Valerio González Somoza; a responsable en Galicia de Provivienda, Ana Pardo; e o vicepresidente da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN), Vicente Martínez.

A II Xornada Internacional organizada polo IDEGA en colaboración co CES forma parte das actividades realizadas no marco do proxecto de investigación ‘(Re)pensar las ciudades y la forma urbana: nuevas políticas para recuperar ciudades habituales en línea con la Agenda Urbana (RENEWPOLI)’, unha iniciativa de investigación científica financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España.

Scroll ao inicio