Rubén C. Lois presenta en Ningbo o modelo turístico do Camiño de Santiago
O IDEGA prestará asesoramento á universidade chinesa na elaboración de itinerarios culturais históricos

A Universidade de Ningbo (NBU) en China, fundada en 1986, celebrou o seu 40 aniversario no mes de outubro. No marco desta conmemoración, a institución está organizando diversos simposios e diálogos internacionais. Entre eles, a International Conference ‘Globalization and Local Transformation: Production, Consumption and Development in the Era of Ecological Constraints‘. Ata alí viaxou o catedrático de Xeografía Rubén C. Lois para expoñer unha presentación sobre itinerarios culturais europeos.

Este foro académico internacional reúne a investigadores globais e expertos en Xeografía Económica, Desenvolvemento Rexional e Sustentabilidade para analizar o impacto das transicións verdes a nivel territorial. A el acudiron un centenar de persoas que presentaron traballos sobre turismo sustentable. Rubén Lois explica que en China o turismo rural estalle a arrebatar espazo ao tradicional “turismo de masas”, e na súa exposicion abordou o primeiro itinerario cultural europeo de orixe histórico, o Camiño de Santiago. Isto espertou o interese dos investigadores de Ningbo, que ven no modelo do Camiño un exemplo a seguir para a elaboración na súa cidade —de 7,5 millóns de habitantes— de produtos turísticos a partir de rutas culturais históricas. Desta maneira, o IDEGA prestará asesoramento á Universidade de Ningbo na investigación e construción do seu novo modelo.

Scroll ao inicio