O IDEGA distingue o talento investigador cos Premios Paz Andrade

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Consello Economómico e Social de Galicia (CES) entregaron este mércores en San Xerome os XII Premios de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade nas modalidades de artigo científico e tese de doutoramento, onde se decretou un ex-aequo. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López, o director do IDEGA, Rubén C. Lois, e o presidente do CES, Manuel Pérez.

O reitor puxo en valor a calidade dos traballos premiados e amosouse satisfeito polo aumento das candidaturas, o que provoca que a USC “cumpra dúas misións” cada ano: “Manter viva a figura de Valentín Paz Andrade e distinguir investigacións de especial valía”. Pola súa banda, Rubén C. Lois resaltou a importancia de “crear espazos de reflexión entre a sociedade civil” e de elaborar traballos que traten a cartografía para a planificación territorial en Galicia; a distribución da renda para a comparación entre distintas rexións; e a análise de algo tan crucial para a economía galega como a pesca.

De esquerda a dereita, Manuel Pérez, director do CES; o reitor da USC, Antonio López; e o director do IDEGA, Rubén C. Lois

Na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, o xurado outorgou o premio ao artigo Travel-time accessibility and adaptive spatial planning solutions for the healthcare system do que son autores José Balsa-Barreiro, Sérgio F.A. Batista, Gaby J. Hannoun e Mónica Menéndez, e que está publicado na revista npj Health Systems, 2 (2025). O xurado destacou o seu rigor académico, a orixinalidade do seu enfoque e o interese das futuras liñas de investigación que abre.

Na segunda categoría, relativa ás teses de doutoramento publicadas en calquera universidade, o xurado resolveu un ex–aequo ás teses tituladas A relación entre a distribución funcional e persoal da renda. Proposta metodolóxica e aplicación para España e Galicia no período 2007-2021, realizada por José Manuel Amoedo Meijide, e Pesca e negocio na Galicia cantábrica. De Cariño a Ribadeo entre o Catastro de Ensenada e o desestanco do sal, realizada por José María Leal Bóveda.

Da investigación realizada por José Manuel Amoedo Meijide, o xurado subliñou o seu carácter pioneiro na investigación da distribución persoal da renda en Galicia, de “gran relevancia” para a mellor asignación de recursos e a consecución de cotas máis altas de equidade na sociedade galega. Respecto á tese elaborada por José María Leal Bóveda, o xurado realzou a “utilización crítica e exhaustiva das fontes dispoñibles para modificar de maneira significativa a interpretación dun período da historia pesqueira e industrial de Galicia moi importante para entender a orixe e evolución da realidade socioeconómica do país”.

O xurado

O xurado desta XII edición estivo composto polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC),Antonio López, que o presidiu; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario do IDEGA, Manuel Fernández Grela, que actuou como secretario do xurado; o membro do Consello Científico do IDEGAMelchor Fernández Fernández; o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia,Manuel Martínez Varela; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán R. Doldán García; o catedrático emérito da Universidade da Coruña Fernando González Laxe; e o catedrático da Universidade de VigoXosé Henrique Vázquez Vicente.

Scroll al inicio