Nun contexto de profundas incertezas vencelladas á sucesión das crises económicas e ambientais recentes, faise precisa a reflexión sobre as transformacións dos espazos urbanos e das cidades que lles permitan responder aos desafíos contemporáneos e recuperar o seu carácter de espazos de vida atractivos e desexados.
As xornadas ‘Novas visións urbanas. A pegada das utopías na cidade actual’ procuran amosar os resultados sobre as investigacións de diferentes proxectos arquitectónicos e urbanos contemporáneos soñados para os espazos urbanos galegos e que non chegaron a desenvolverse. Asemade, xuntamos a unha serie de investigadores de recoñecido prestixio internacional para reflexionarmos sobre as diferentes dimensións do pensamento utópico centrado nos nosos espazos urbanos. Afondamos na cuestión do estudo das utopías arquitectónicas e as tendencias observadas na concepción e deseño de proxectos que están marcados polo emprego das ferramentas nacidas na acelerada revolución das tecnoloxías dixitais. Reflexionamos sobre as novas visións e aproximacións ás cuestións urbanas derivadas das transformacións na dimensión afectiva e emocional que esta mediada pola expansión da dixitalización. Por outra banda, abordamos as utopías da gobernanza urbana para imaxinar modelos alternativos para a regulación da economía de plataformas características da fase do capitalismo financeirizado. Finalmente, ofrecemos unha discusión aberta á cidadanía e aos axentes urbanos sobre a necesidade de fomentar diferentes modos de pensamento utópico especulativo en común, para desenvolver novas visións urbanas que nos conduzan a cidades e espazos urbanos máis xustos e vivibles no futuro.
Organizadas por Arsogal e o Seminario de Futuros Urbanos, as xornadas celebraranse os 7 e 8 de maio na Facultade de Xeografía e Historia.
Descarga aquí o programa.




