A investigadora Mar Durán consolida unha traxectoria académica de excelencia
A responsable do grupo ULTRAMAR obtén o seu segundo doutoramento cun sobresaínte 'cum laude' e unha mención internacional

O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) conta cunha nova mostra do alto nivel académico dos seus investigadores. María del Mar Durán Rodríguez, profesora titular de Psicoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do IDEGA, alcanzou un novo fito na súa carreira académica ao obter o grao de doutora en Psicoloxía pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU) coa cualificación de sobresaínte cum laude. Este segundo doutoramento, con mención internacional, reforza a súa proxección científica e sitúa a súa traxectoria na vangarda da excelencia académica.

Este novo grao súmase ao seu primeiro doutoramento, obtido en 2002 pola Universidade da Coruña (UDC) no ámbito da Psicopedagoxía. A consecución de dúas tese doutoral en universidades distintas e con proxección internacional, un mérito pouco común no sistema universitario, subliña a vocación investigadora da Dra. Mar Durán e o seu firme compromiso coa interdisciplinariedade entre a educación, a conduta social e a psicoloxía ambiental.

Un perfil investigador de alto impacto

Como investigadora do IDEGA e responsable do grupo de investigación ULTRAMAR, Mar Durán foi pioneira no estudo psicosocial de contornas culturais como o Camiño de Santiago, integrando enfoques da psicoloxía social e ambiental. O seu recente doutoramento pola UPV/EHU, institución de referencia internacional en Psicoloxía, e a máxima cualificación obtida na súa defensa doutoral, fortalecen a súa capacidade metodolóxica e analítica para liderar proxectos científicos de alcance global, un trazo distintivo da investigación desenvolvida no IDEGA e na USC.

Este logro prodúcese nun momento de especial recoñecemento profesional, tras a súa distinción e incorporación en 2025 á prestixiosa sociedade científica internacional Sigma Xi, que distingue a investigadores pola excelencia e o impacto das súas contribucións científicas.

Scroll ao inicio