Unha investigación empírica das ligas italianas de fútbol

O seminario do Programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica (DRIE) desta semana leva por título ‘¿De quen é este balón? A opacidade dos beneficiarios finais como facilitadora do fraude e o delito no fútbol. Unha investigación empírica das ligas italianas de fútbol’. Será impartido por Francesco Addesa, investigador da Universidade Leeds Beckett.

Nos últimos anos, a transparencia na propiedade dos equipos de fútbol converteuse nun tema central na axenda da FIFA, a UEFA e as federacións nacionais de fútbol. O crecente volume de investidores estranxeiros, así como as preocupacións relacionadas coa propiedade de múltiples activos, os conflitos de intereses e a colusión entre clubs de fútbol e patrocinadores, ou con axentes de futbolistas, esixiron unha maior comprensión de quen está detrás dos clubs de fútbol. Ademais, os numerosos casos de prácticas delituosas observadas neste ámbito —amaño de partidos, infiltración do crime organizado, delitos fiscais— levaron ao Parlamento Europeo (2024) a incluír os clubs de fútbol entre as entidades obrigadas polo novo paquete de medidas contra o branqueo de capitais. A pesar destas advertencias, o coñecemento empírico sobre a propiedade dos clubs de fútbol europeos segue sendo escaso. Existen poucos estudos —meramente descritivos—, centrados principalmente no fútbol inglés (Duncan e Lord, 2024; 2025). Este artigo investiga 265 clubs rexistrados nas catro principais ligas italianas de fútbol (Serie A, B, C e D) co fin de:

  • Reconstruír para cada club toda a súa estrutura de propiedade ata identificar os propietarios reais ou outros beneficiarios finais.
  • Calcular indicadores de anomalías e riscos relacionados coa súa estrutura de propiedade.
  • Examinar se a opacidade das estruturas de propiedade se correlaciona con casos de quebra, deducións de puntos, exclusións da liga e eventos delituosos.

O estudo guinda luz sobre o grao de exposición estranxeira do fútbol italiano, especialmente en termos de propietarios de xurisdicións de alto risco nas divisións inferiores. Os resultados tamén mostran que a probabilidade de deducións de puntos ou exclusión da liga é maior para aqueles clubs que involucran fondos de investimento ou vehículos corporativos que non permiten a identificación dos propietarios reais, así como para aqueles con maior rotación na propiedade e a xestión. O artigo finalmente propón recomendacións políticas sobre como aumentar a transparencia no fútbol e como monitorear mellor os movementos de investidores fraudulentos dun club (ou país) a outro.

O seminario terá lugar este xoves 7 de maio ás 16.30 h na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Se non podes asistir de maneira presencial e queres participar por Teams, podes solicitar os datos de acceso á reunión ao correo idega@usc.gal.

Scroll ao inicio