Congreso internacional ‘Territorio, institucións e identidades’

O territorio constitúe moito máis que unha contorna física onde se desenvolve a vida humana. Desde tempos inmemoriais, o espazo físico foi obxecto de procesos de conceptualización e apropiación por parte de individuos, comunidades e estruturas políticas, dando lugar a escalas superpostas e a espazos estruturados por liñas visibles e invisibles que funcionaron como fronteiras e, á súa vez, contribuíron á construción e reconstrución continua de identidades.

O congreso internacional ‘Territorio, institucións e identidades’ busca explorar as relacións entre o espazo físico e o espazo administrativo, así como analizar o papel das fronteiras, as institucións territoriais e administrativas, e as interaccións entre as identidades que residentes e visitantes atribúen aos lugares. A conferencia acolle con especial interese contribucións metodolóxicas e perspectivas innovadoras tanto na investigación fundamental como na aplicada.

Rodrigo Pousa, investigador no grupo ANTE, organiza o congreso en colaboración coa Facultade de Letras da Universidade do Porto e o laboratorio de investigación FRAMESPA da Universidade de Toulouse-Jean Jaurés.

Celebrarase en formato híbrido, presencial no IDEGA e online, os días 1 e 2 de xuño de 2026, e nel se abordarán materias clave na xeografía histórica dos territorios ibéricos e americanos.

Máis información na páxina web do congreso. Podes descargar aquí o programa.

Scroll ao inicio