Seminario DRIE: ‘O impacto do teletraballo no consumo enerxético dos fogares’

Este xoves 4 de xuño, ás 16.30 horas, terá lugar o seminario DRIE ‘O impacto do teletraballo no consumo enerxético dos fogares’. Será impartido no Seminario de Fundamentos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais polo investigador da USC Fernando de la Torre Cuevas e o director do Centre of Economic Scenario Analysis and Research (CESAR), Kurt Katrena.

Contidos

O fomento do teletraballo como política pública xustifícase, antes da pandemia, en base aos impactos ambientais positivos e ao aforro enerxético. Na actualidade, a expansión do teletraballo suxírese como mecanismo para reducir a dependencia de determinados insumos enerxéticos—nomeadamente o petróleo e o gas natural. Neste artigo ligamos un modelo de equilibrio espacial cun modelo macroeconómico multisectorial e multirexional, calibrado para a economía de Austria. O teletraballo impacta o consumo enerxético dos fogares a través de tres canles principais: (i) a redución dos desprazamentos ao traballo, (ii) cambios nos patróns de consumo e (iii) eleccións alternativas de localización residencial. Mentres que a primeira canle produce de maneira inequívoca aforros enerxéticos, os efectos dos outros dous mecanismos son ambiguos. Os cambios na magnitude, composición e localización da demanda final no modelo teñen a súa orixe nas decisións de localización residencial adoptadas polos traballadores en resposta aos cambios na posibilidade de teletraballar.

Os resultados deste estudo apuntan a que o teletraballo reduce modestamente o consumo enerxético dos fogares ao tempo que incrementa o benestar nacional. As reducións no uso de enerxía procedente de combustibles fósiles, nomeadamente do petróleo, representan a maior parte do impacto.

Se non podes asistir de maneira presencial e queres participar por Teams, podes solicitar os datos de acceso á reunión ao correo idega@usc.gal.

Scroll ao inicio