O IV Congreso Internacional de Cooperación, Xeopolítica e Participación Cidadá, impulsado pola Universidade de Vigo (UVigo) en colaboración co IDEGA e o Concello de Moaña, ten como obxectivo reunir a académicos, líderes sociais, responsables políticos e membros da sociedade civil para dialogar sobre as conexións entre a cooperación internacional e a xeopolítica nun contexto participativo. A través de relatorios, mesas redondas e talleres, explora temas como o impacto dos proxectos internacionais, a xeopolítica e a participación cidadá. Terá lugar os días 10 e 11 de xullo no Salón de plenos do Concello de Moaña e para acudir é preciso inscribirse.
O congreso destaca pola participación conxunta de académicos, alumnado de educación secundaria e universitaria, políticos locais e europeos así como entidades sociais de diversa índole compartindo un mesmo espazo de reflexión e participación. Este ano, contará coa presenza da embaixadora de Bosnia, Andree Zaimovic. Ademais, o programa ofrece un seminario específico para o estudantado sobre as oportunidades laborais na Unión Europea.
Nun mundo cada vez máis interconectado e complexo, a intersección entre xeopolítica e diversidade preséntase como un tema central para comprender os desafíos e oportunidades da nosa era. A xeopolítica, como disciplina que analiza as dinámicas de poder entre nacións e rexións, non pode desvincularse das realidades sociais que definen ás poboacións que as habitan. As cuestións de diversidade –como os dereitos das persoas con discapacidade, as perspectivas de xénero, as experiencias dos refuxiados e as loitas pola xustiza racial– entrelázanse profundamente cos fenómenos globais, desde a migración e os conflitos ata as políticas económicas e climáticas. Este congreso busca abrir un espazo para explorar como estes dous enfoques poden complementarse e enriquecerse mutuamente na procura de solucións inclusivas e sostibles.
Podes descargar aquí o programa completo.



