Seminario DRIE: ‘Fenda de xénero en pagos dixitais en Ecuador’

O vindeiro xoves, 16 de xullo, ás 16:30 horas, o Programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica (DRIE) do grupo GAME organiza un novo seminario na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Nesta ocasión, Cinthya Daniela Barrera Rodríguez presentará o traballo Brecha de género en pagos digitales en Ecuador, unha investigación centrada nas desigualdades de xénero no acceso e uso dos medios de pagamento dixitais. O seu obxectivo é determinar se as diferenzas observadas entre homes e mulleres responden a desigualdades estruturais máis amplas ou se persisten aínda despois de considerar as condicións que inflúen na inclusión financeira dixital. O estudo parte dunha pregunta central: en que medida a fenda de xénero en pagos dixitais explícase por diferenzas observables entre homes e mulleres? A partir diso, mediante unha estimación empírica con modelos probit e técnicas de descomposición, examínase a magnitude da fenda, a súa composición e o posible papel da conectividade dixital medido a través do acceso a internet como canle complementaria para ampliar o uso de pagos dixitais.

En resumo, a investigación busca achegar evidencia sobre se a exclusión financeira dixital das mulleres explícase por unha fenda propiamente de xénero ou por desigualdades estruturais que condicionan o seu acceso efectivo ao ecosistema de pagos dixitais.

Se non podes asistir de maneira presencial e queres participar por Teams, podes solicitar os datos de acceso á reunión ao correo idega@usc.gal.

Scroll ao inicio