O IDEGA visitou este luns as instalacións da empresa FINSA para coñecer o traballo que está realizando en innovación e sustentabilidade e a súa vertebración territorial no ecosistema forestal e industrial galego. Acudiu tamén a reitora da Universidade de Santiago, Rosa M. Crujeiras. Alí foron recibidos pola directora da fábrica de Finsa Santiago, Ana Figueiredo; polo responsable de formación, Miguel Mouzo, e por Xosé Mera e Fernando Segade, membros do comité executivo de Finsa.
No encontro, enmarcado nunha serie de visitas institucionais a empresas punteiras da contorna da USC, a reitora estivo acompañada do vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento, Marcelo Maneiro, e dunha nutrida representación do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, dado que FINSA é membro da xunta de goberno deste instituto.
En concreto, do Idega participaron o seu director, Rubén Camilo Lois González; o secretario, Manuel Fernández Grela; a membro do Consello Cientifico Lourdes Mella Méndez; a investigadora María Dolores Riveiro García, as investigadoras predoutorais Paula Noya Vázquez e Nerea Otero Vale e a técnica de investigación María Dolores Tuñas Riveiro.



Durante o percorrido mostrouse como a integración da tecnoloxía de vangarda, o traballo en economía circular e a posta en valor da madeira local axudan a articular proxectos de transferencia de coñecemento e de desenvolvemento rexional, tamén no ámbito académico.
A reitora quixo poñer de relevo a importancia que teñen este tipo de visitas, xa que as universidades “tamén se definen pola súa capacidade para transferir coñecemento e colaborar co tecido empresarial á vez que impulsar a innovación de maneira sustentable”. Na mesma liña pronunciouse Rubén Lois, para quen “estas visitas nos achegan unha lección, aprendemos unha formalización loxística técnica impresionante. Ademais, debemos mostrar que a universidade, a través do seus traballos de investigación, poden achegar I+D ás empresas do tecido galego”, dixo.




