O IDEGA celebra 50 anos de investigación ao servizo do desenvolvemento económico e social de Galicia
O acto institucional reuniu representantes, autoridades e persoal investigador para facer balance da traxectoria do instituto

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago celebrou este xoves o acto institucional do seu 50º aniversario, un encontro que serviu para repasar medio século de investigación e transferencia de coñecemento ao servizo do desenvolvemento económico, social e territorial de Galicia.

O acto estivo presidido pola reitora da USC, Rosa Crujeiras, e reuniu no Salón Nobre de Fonseca o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o concelleiro de urbanismo de Santiago, Iago Lestegás; o director do IDEGA, Rubén C. Lois; e o secretario do IDEGA, Manuel Fernández Grela.

“Celebramos cincuenta anos dunha institución que soubo crear comunidade científica”, afirmou a reitora, que definiu o IDEGA como un instituto que “soubo evolucionar ao ritmo de Galicia e que continúa sendo un referente da investigación, da cooperación entre disciplinas e da transferencia do coñecemento ao servizo da sociedade”. Coincidiu con ela o conselleiro, que cualificou o IDEGA como “institución de referencia no ámbito das ciencias sociais cun obxectivo común: coñecer mellor Galicia”.

As autoridades que interviñeron na conmemoración dos 50 anos do Idega. Foto: Santi Alvite
O acto celebrouse no Salón Nobre de Fonseca. Foto: Santi Alvite

Pola súa banda, na súa intervención o director do IDEGA realizou un percorrido pola historia do instituto, contextualizando o seu nacemento e a súa consolidación como un centro universitario que destaca pola súa “multidisciplinariedade”. “O IDEGA mantivo nestas cinco décadas a súa vocación de realizar estudos para as institucións públicas e as entidades privadas, centrados en mellorar os indicadores de desenvolvemento. Un desenvolvemento que agora é sustentable e socialmente responsable”, apuntou.

O secretario do instituto, Manuel Fernández Grela, explicou no acto que os ingresos por investigación “medran de forma constante”. En 2025, o centro superou os 1.800.000 euros e a previsión para este ano é superar os 2.000.000 euros. “É un orgullo para nós que nos últimos exercicios se nos concedesen nove proxectos competitivos de ámbito europeo”, engadiu. Ademais, destacou que o IDEGA foi o sexto centro de investigación máis produtivo da USC, e “o primeiro nos ámbitos das Ciencias Sociais e Humanidades”.

As autoridades que interviñeron na conmemoración dos 50 anos do Idega. Foto: Santi Alvite

No acto, o concelleiro Lestegás puxo o foco na evidencia científica “para tomar decisións públicas”. “Trátase de pensar o territorio dende o propio territorio; estaremos de acordo en que a ordenación territorial é un dos grandes desafíos do século XXI e para iso necesitamos datos de calidade que o IDEGA nos proporciona”, dixo.

O IDEGA reafirmou a súa vontade de continuar fortalecendo a excelencia científica da USC, a captación de talento e a proxección internacional, nun momento no que o instituto traballa para avanzar na súa incorporación á Rede CIGUS, integrada polos centros de investigación de excelencia do Sistema Universitario de Galicia. 

Scroll ao inicio