O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Consello Económico e Social de Galicia (CES) volven darse a man para crear un espazo de debate arredor dunha das maiores problemáticas da nosa sociedade: a dificultade no acceso á vivenda. A II Xornada Internacional ‘A crise da vivenda: políticas públicas para facerlle fronte a un problema crónico’ celebrarse o vindeiro 10 de setembro no Pazo de Amarante, sede do CES. A inauguración correrá a cargo do director do IDEGA, Rubén Lois, e do director do CES, Manuel Pérez. A continuación, a Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, impartirá a conferencia ‘A axenda do goberno galego en materia de vivenda’.
O obxectivo desta xornada é que as voces participantes aporten a súa visión dun panorama actual caracterizado polo incremento dos prezos e pola activación dunha batería complexa de respostas para aliviar a escaseza relativa de espazos accesibles para vivir. A II Xornada Internacional organizada polo IDEGA en colaboración co CES forma parte das actividades realizadas no marco do proxecto de investigación ‘(Re)pensar las ciudades y la forma urbana: nuevas políticas para recuperar ciudades habituales en línea con la Agenda Urbana (RENEWPOLI)’, unha iniciativa de investigación científica financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España.
Para asistir é preciso completar o formulario de inscrición. A capacidade da sala está limitada a 40 participantes.
Descarga aquí o programa.






