
A Escola Internacional de Verán de Viena sobre Nova Vivenda Social é un prestixioso programa que reúne a investigadores, profesionais e activistas para analizar investigacións innovadoras e respostas políticas ante os desafíos da vivenda social. Unha das quince prazas ofertadas este ano en todo o mundo foi concedida ao investigador do IDEGA Iago Martínez.
Martínez, do grupo ANTE, presentou o seu traballo ‘What governance cannot count: data regimes and the reach of housing policy in Spain’, onde analiza o papel dos datos no cambio de políticas de vivenda e fai algunhas contribucións teóricas sobre a relación de réximes e infraestruturas de datos e réximes de vivenda. Durante a semana que durou o curso, as persoas seleccionadas presentaron as súas investigacións, intercambiaron impresións coa comisión internacional de expertos e debateron co resto de investigadores. Asemade, participaron en obradoiros e sesións formativas, así como encontros con autoridades locais e outros actores do sistema de vivenda vienés, visitaron proxectos de vivenda pioneiros dos anos vinte do século XX e os máis recentes.
Esta escola de verán é unha iniciativa conxunta da TU Wien (Centro de Investigación sobre Nova Vivenda Social), a Universidade de Viena (Departamento de Socioloxía) e a Universidade das Artes Aplicadas (Departamento de Deseño Social). Este ano participaron persoas procedentes de China, Irán, Túnez, Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Etiopía, Brasil, Uruguai e Italia, entre outros países.






