Emiliano Treré, investigador distinguido do programa ATRAE na Facultade de Ciencias da Comunicación e vinculado ao IDEGA, foi incluído por quinto ano consecutivo na clasificación internacional Stanford/Elsevier (World’s Top 2% Scientists), unha das listas bibliométricas máis prestixiosas do mundo que identifica o 2% dos investigadores máis citados e influíntes a nivel mundial.
Na edición de 2026, Treré ocupa a posición 196 no subcampo Communication & Media Studies, o que o sitúa aproximadamente entre o 1,2% dos investigadores con maior impacto de citación a escala internacional nesta categoría.
A clasificación Stanford/Elsevier baséase nun indicador que incorpora diferentes métricas bibliométricas, entre elas citas, o índice h e medidas axustadas por coautoría e posición de autoría. A presenza de Treré durante cinco anos consecutivos nesta clasificación constitúe un indicador da visibilidade, circulación e recepción internacional sostidas da súa investigación no ámbito da comunicación e o estudo dos medios.




