O Campus de Mieres da Universidade de Oviedo acolleu os días 29 e 30 de abril o II Encontro da Rede Estratéxica para a creación dun Observatorio do Despoboamento (DESP-OB), unha iniciativa estatal que reúne a once centros de investigación co obxectivo de analizar as causas, impactos e posibles respostas ao fenómeno do despoboamento.
O encontro inaugurouse cunha benvida institucional celebrada na Sala de Convencións do Edificio de Investigación, na que participaron Elena Lasarte, profesora de Economía Aplicada e coordinadora de REGIOlab na Universidade de Oviedo; Rubén C. Lois, catedrático de Xeografía, director do IDEGA (USC) e coordinador da rede DESP-OB; Ana Velasco Tirado, coordinadora do Observatorio Nacional da Equidade Territorial e o Reto Demográfico; e Teresa Iglesias, vicealcaldesa de Mieres.
“Lugares como Mieres pelexan para construír un futuro máis aló da minería, por iso é importante crear espazos para a reflexión”, engadiu a a vicealcaldesa. Pola súa banda, o coordinador de DESP-OB subliñou os obxectivos da rede e a necesidade de xerar coñecemento compartido en xornadas que permiten observar experiencias sobre como corrixir o despoboamento.

A xornada do 29 de abril continuou coa conferencia “Lugares que non importan? O despoboamento rural na súa perspectiva histórica”, impartida por Fernando Collantes, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Oviedo. Ao longo dos dous días, o encontro reuniu a persoal investigador de distintas disciplinas para avanzar na análise do despoboamento desde unha perspectiva integral, abordando tanto as súas causas como os seus impactos e posibles respostas.
Tivo lugar unha mesa de traballo con administracións públicas na que participaron representantes do Concello de Mieres e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. “Puxemos en común o traballo de DESP-OB e a secretaría xeral do Estado. Identificamos puntos de encontro, xa que ambas as partes traballamos en indicadores relativos á equidade territorial. Cremos que as conclusións desta rede contra o despoboamento poden transferirse e alimentar o traballo da secretaría xeral”, engadiu Ana Velasco.
A Rede Estratéxica para a creación dun Observatorio do Despoboamento (DESP-OB) traballa na análise do fenómeno do despoboamento desde unha perspectiva multidisciplinar. Ten como obxectivo impulsar a creación dun observatorio estatal que permita sistematizar o coñecemento existente, identificar dinámicas territoriais e contribuír ao deseño de políticas públicas máis eficaces fronte ao reto demográfico.




