O IDEGA vertebra en Cabo Verde 66 mobilidades académicas do proxecto Africa MOVES
A iniciativa efectúase en sete universidades subsaharianas

Un equipo do IDEGA, coordinado polos profesores Rubén C. Lois e Rosa Verdugo, participou no evento académico internacional organizado pola Universidade de Cabo Verde (Uni-CV) no marco do proxecto da Unión Europea Africa MOVES, dotado con máis de 1,2 millóns de euros para a posta en vigor dun esquema de mobilidade intra-africano con sete institucións subsaharianas de ensino superior: as universidades de Ciencias Xurídicas e Humanas de Bamako (Mali), a Universidade de Cabo Verde, a Universidade UAM de Níxer, a Universidade de Sao Tomé e Príncipe, a Universidade Assane Seck de Ziguinchor (Senegal) e a Universidade Punguè en Mozambique.

Neste seminario internacional que se desenvolveu na cidade de Praia (Santiago, Cabo Verde) entre o 2 e o 5 de xuño, o equipo do IDEGA introduciu e presentou ás universidades subsaharianas distintas ferramentas de xestión para o desenvolvemento de instrumentos académicos en terceiro ciclo e para a correcta execución de proxectos colaborativos no marco da implementación de 66 mobilidades durante tres anos. En total realizaranse oito intercambios en ciclo de grao, 18 estancias en ciclo de máster, 20 residencias en ciclo de Doutoramento e 20 mobilidades de persoal administrativo entre os sete países africanos que compoñen o consorcio.

O director do IDEGA, Rubén C. Lois, intervindo na reunión.

A USC, a través do IDEGA, asume a función de asistencia externa e técnica europea neste continente, bridando a oportunidade a estes estados africanos de coñecer de primeira man as políticas universitarias que se desenvolveron desde a Declaración de Bolonia para o deseño dos seus propios sistemas de acreditación en terceiro ciclo, e co propósito de facilitar un esquema internacional de homologación e equivalencia de titulacións na Unión Africana para o recoñecemento internacional das formacións especialistas neste continente. As primeiras experiencias de intercambio desenvolveranse en outubro de 2026.

O programa MOBAF da Dirección Xeral de Cooperación da UE destinou máis de 500 millóns de euros a liñas de acción directa no continente africano para o período 2025-2027 co fin de avanzar en novas vías de colaboración en materia de recuperación ambiental, cambio climático, análise do territorio, tecnoloxías limpas, transición dixital e medioambiental, así como democracia aberta e sustentabilidade, a través do instrumento financeiro de actuación da Comisión e o Consello Europeo, Global Gateway Fund.

Africa MOVES é o primeiro proxecto da UE que incorpora a universidades do Sahel en actuacións directamente relacionadas co transporte, as cleantech, as enerxías limpas ou a socioloxía urbana, e caracterízase por integrar aspectos da cultura emprendedora directamente nos proxectos dos estudantes de fin de Máster e de Doutoramento mediante a protección tanxible e en co-licenciamiento dos resultados destas investigacións.

Scroll ao inicio