Máis de 80 especialistas debaten sobre os desafíos das Matemáticas Aplicadas nas Xornadas ASEPUMA 
A USC acolle durante os días 18 e 19 de xuño a XXXIV edición

A Asociación Española de Profesores Universitarios de Matemáticas para a Economía e a Empresa (ASEPUMA) escolleu a Universidade de Santiago (USC) como foro académico para celebrar a súa XXXIV edición, que contou cun comité organizador do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), para reunir a 80 especialistas que debatiron sobre os retos e desafíos que enfronta esta ciencia.  

O acto inaugural estuvo presidido polo presidente do comité organizador en Santiago, Xesús Pereira; o director do IDEGA, Rubén C. Lois; a presidenta de ASEPUMA, Mar Arenas; e o catedrático de Física Pablo Taboada. No transcurso das xornadas, creáronse dinámicas para o debate e a innovación nas Matemáticas, a Estatística e os Métodos Cuantitativos, promovendo o intercambio de ideas e o método científico-académico. Nun contexto de cambios profundos como a irrupción da intelixencia artificial, os expertos sinalaron a importancia das Matemáticas Aplicadas nas Ciencias Sociais para comprender e mellorar as nosas contornas.  

“Tanto os economistas, os xeógrafos ou os sociólogos necesitamos o respaldo da modelización matemática para os nosos proxectos e fortalecer as nosas metodoloxías”, expuxo Lois. ASEPUMA ten como obxectivo o estudo, a investigación e a mellora da docencia en Matemáticas, así como a promoción das investigacións ao conxunto da sociedade e os resultados obtidos polos seus membros.  

Nesta trixésimo cuarta edición, o evento busca establecer liñas de colaboración entre as diferentes universidades que participan para consolidar unha comunidade académica sólida que inicie proxectos conxuntos e intercambie experiencias innovadoras. “Esta ciencia soubo adaptarse aos cambios, mantendo un compromiso coa excelencia e a investigación”, explicou na inauguración Mar Arenas, a presidenta da asociación.  

Ao longo das xornadas, entregaranse os Premios Anales ASEPUMA, que galardoan a actividade científica dos membros da asociación, e o Premio ASEPUMA no ámbito da Docencia, que pon en valor os traballos presentados vencellados á actividade docente en Métodos Cuantitativos para a Economía e a Empresa. 

Scroll ao inicio