O IDEGA presenta o 40º Informe da Economía Galega
O documento pon o foco na calidade do crecemento e a capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o 40º informe ‘A Economía Galega’, un estudo que realiza de maneira ininterrompida dende 1986. Os seus directores, Dolores Riveiro e Melchor Fernández, explicaron que o documento pode resumirse nunha “evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade, confirmando unha notable capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo”.  

A presentación tivo lugar no Salón Reitoral da USC e contou tamén coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez Álvarez-Cedrón.  

Os datos de 2025 son “claramente positivos”, explicaron os directores do estudo. Galicia pechou o ano co maior aumento de ocupación da última década, no que as mulleres concentran o avancee a inmigración se consolida como un dos grandes motores do emprego. Os coordinadores explicaron que o informe ‘A Economía Galega’ debe contribuír a ofrecer unha “análise rigorosa apoiada na evidencia empírica” para comprender mellor os desafíos e retos actuais e orientar un debate máis informado. Neste sentido, sinalaron que a economía galega deberá afrontar o envellecemento da poboación, a necesidade de incrementar a produtividade e o valor engadido, adaptarse á transición tecnolóxica e ambiental e garantir o relevo xeracional para cubrir asnecesidades do mercado de traballo.  

Nesta edición, 15 docentes da USC analizaron en 10 capítulos a evolución macroeconómica da comunidade. Na presentación, os expertos destacaron dous aspectos controvertidos do mercado de traballo.  Por unha banda, alertaron da dificultade de chegar a conclusións respecto da estimación do número de vacantes existentes en Galicia, posto que as fontes oficiais responden a metodoloxías e coberturas distintas. “Non existen datos suficientes para falar dunha alarma laboral xeneralizada, xa que o problema parece concentrarse en determinados sectores e territorios. É necesario, ademais, mellorar as estatísticas”, explicaron. 

Por outra, o estudo conclúe que Galicia presenta unha taxa de absentismo superior á media estatal, pero o informe subliña o problema de identificar o total das ausencias do traballo coabsentismo por incapacidade temporal. Os expertos consideran que o maior impacto pode estar no presentismo, persoas que acoden ao traballo estando enfermas, un fenómeno “menos visible edifícil de medir”.  

Descarga aquí o informe.

Scroll ao inicio