Aberta a inscrición para a décimo terceira edición do CO(M)XÉNERO: ”Erro inesperado. Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”

Os días 10 e 11 de novembro a Facultade de Comunicación acollerá a decimoterceira edición do seminario CO(M)XÉNERO, este ano titulada ‘Erro inesperado. Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública’.  A inscrición xa está aberta, a participación é de balde ate completar aforo e a asistencia ó seminario é unha actividade recoñecida para diversos doutoramentos do EDIUS, especialmente para o de Comunicación e Información Contemporánea.

No verán de 2026, o enxeñeiro Jacob Coxon renunciaba ao seu posto en Anthropic, unha das principais empresas nas que se desenvolve intelixencia audiovisual xenerativa, expresando o temor a que a IA puidera destruír a humanidade antes de que rematara a década. Sen chegarmos á unha idea de apocalipse tan cinematográfica, a investigación recente ten demostrado de xeito consistente que a IA incorpora nesgos raciais e de xénero que reproducen desigualdades e exclusións. A ausencia de perspectiva de xénero no desenvolvemento desta ferramenta tecnolóxica na creación de imaxes fai precisa unha reflexión colectiva sobre a tecnoloxía na que incorporar dúas liñas de pensamento feminista que poden funcionar de xeito complementario: dunha banda, seguindo a proposta de Donna Haraway no seu Manifesto ciborg, apropiármonos das ferramentas tecnolóxicas para desafiar o mandato patriarcal; doutra, resistir no artesán, no pequeno, autónomo e manual que desafía a aceleración tecnofílica capitalista. Ámbalas dúas estratexias son necesarias para confrontar as violencias contra as mulleres que se producen na imaxe pública, e que as revitimizan, e propoñer alternativas desde as múltiples formas de facer feministas.

Nesta décimo terceira edición do CO(M)XÉNERO propoñemos o encontro con creadoras e investigadoras que analizan as pegadas do patriarcado nas representacións dos corpos das mulleres e desenvolven imaxes que ocupan o espazo público virtual e real contra a violencia. O 10 de novembro, a deseñadora e docente Uqui Permuy falará da súa campaña “Compostela en negro”, a imaxe máis icónica da loita contra a violencia machista en Galicia, mentres que as investigadoras Bea Gutiérrez e Paulina Cano analizarán a inquietante presenza de influencers creadas sinteticamente nas redes sociais como unha forma de violencia contra as mulleres. Na xornada do 11 de novembro será a quenda da artista e investigadora Teresa Ferreiro, que se centrará nas representacións da violencia machista no cómic e na novela gráfica. Pechará esta edición o singular traballo da visualista, programadora e docente Marta Verde, que empregará imaxe e informática para explorar as representacións visuais da violencia contra as mulleres.

Scroll ao inicio