A Rede Estratéxica para a creación dun Observatorio do Despoboamento (DESP-OB) formada por once centros de investigación españois desprazouse a Tortosa para celebrar no Campus Terres de l’Ebre da Universitat Rovira i Virgili (URV) o seu terceiro encontro. O obxectivo: coñecer de primeira man o territorio e analizar prácticas eficaces contra o despoboamento para combater a España baleirada.
Na benvida institucional, celebrada este mércores na aula Magna, participaron o director do Campus Terres de l’Ebre, Xavier Farré; o director do Serveis Territorials de Territori, Habitatge i Transició, Miquel Alonso; a alcaldesa de Tortosa, Mar Lleixá; e o coordinador da Rede DESP-OB e director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), Rubén C. Lois.
Farré explicou que durante os días 28 e 29 de outubro reuniranse no campus o conxunto das universidades e centros de investigación que forman parte do proxecto, situando a Terres del’Ebre como “un dos referentes en despoboamento máis importantes”. O director cualificou a iniciativa, que suma xa 15 meses de traballo, como “un proxecto de futuro” e sinalou a importancia de analizar detidamente as prácticas contra o reto demográfico para “conseguir resultados enriquecedores para o conxunto da sociedade española”.
A alcaldesa, pola súa banda, resaltou a multidisciplinariedade de DESP-OB e a xeración de coñecemento desde a academia para implementar políticas públicas, e engadiu que en lugares como Tortosa son importantes aquelas medidas que “reteñan” talento, sinalando o teletraballo como unha “oportunidade” para as persoas que non teñen posibilidade de habitar as súas cidades.
A iniciativa DESP-OB parte do IDEGA, un instituto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que obtivo o financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para poñer en marcha a rede estratéxica: unha iniciativa que busca analizar, visibilizar e afrontar os procesos de despoboamento en España desde unha perspectiva interdisciplinar. En DESP-OB, alén do IDEGA e da URV, participan unidades vinculadas ás universidades de Oviedo (RegioLab), León (GIEA), Zaragoza (CEDDAR), Illes Balears (GREI), Valencia (UDERVAL-IIDL), Alicante (IEI), Murcia (CEMUGE), Málaga (INACOM), así como o Grupo de Investigación sobre Envellecemento (GIE) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
A rede reúne a especialistas en xeografía, economía, ou ciencias da comunicación, configurando un espazo de investigación orientado a comprender e abordar o reto demográfico desde múltiples perspectivas. O primeiro encontro tivo lugar en Lugo e o segundo en Mieres. O coordinador, Rubén C. Lois, explicou que estas reunións permiten descubrir territorios e facer un seguimento de boas prácticas. “A coordinación permítenos observar moitos exemplos de problemáticas similares en canto a fenómenos de regresión demográfica, de declive de determinadas áreas rurais ou de abandono de pobos”, afirmou.
Os distintos equipos avanzarán en Tortosa a creación dunha batería de indicadores sobre as áreas rurais. “Necesitamos crear índices complexos e estar en coordinación coas administracións. E, por outra banda, estes encontros permítennos a aproximación cualitativa: hai que ver o terreo e falar coas persoas”. Os membros visitarán a cidade e a Terra Alta, onde serán recibidos polo Consell Comarcal. Ademais, acudirán a Corbera d’Ebre co Consorci Memorial dels Espais da Batalla de l’Ebre (COMEBE) e a Celler Cooperatiu de Gandesa, xunto co presidente da cooperativa.




