O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) participou no proxecto Desafíos Jovens, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada a mellorar as oportunidades de emprego e emprendemento da mocidade na Eurrorexión Galicia-Norte de Portugal.
O proxecto, que chega agora a súa fase final, naceu coa finalidade de favorecer a inclusión laboral da mocidade, especialmente aquela que vive no rural, mediante capacitacións e accións de apoio e acompañamento. Entre os ámbitos de traballo atópanse a mellora das competencias dixitais e de innovación, a mobilidade, o emprendemento e o acceso a sectores con potencial de crecemento, con especial atención á economía verde e á economía social. Desafíos Jovens está liderado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e integrado pola Cámara de Comercio de Santiago; o Instituto Português do Desporto e Juventude (IPDJ); a Federação Nacional das Associações Juvenis (FNAJ); e o Instituto do Emprego e Formação Profissional (IEFP).
O IDEGA contribuíu ao desenvolvemento das actividades previstas colaborando con actividades de sensibilización e xornadas realizadas no Centro de Estudos Avanzados (CEA). Un dos resultados máis sobranceiros do proxecto é a elaboración de cinco guías prácticas, deseñadas para apoiar a incorporación de diferentes colectivos ao mercado laboral e para facilitar a participación das empresas. As guías abordan, respectivamente, a inclusión de persoas con discapacidade, o liderado feminino, o relevo xeracional, a integración de persoas migrantes e a preparación empresarial necesaria para acoller e acompañar as persoas participantes.




No caso da inclusión de persoas con discapacidade, o traballo pon o foco en sectores como o agroalimentario e nas oportunidades asociadas á dixitalización, a agricultura de precisión, o uso de drons ou a análise de datos. Para o liderado feminino, identifícanse oportunidades en ámbitos como a bioeconomía, o turismo sostible ou as enerxías renovables, incorporando tamén ferramentas para promover contornas empresariais máis inclusivas.
A guía sobre relevo xeracional aborda un dos grandes retos do tecido empresarial rural: garantir a continuidade das empresas e facilitar a incorporación de novas xeracións. Pola súa banda, a proposta dirixida ás persoas migrantes busca favorecer o aproveitamento do talento e reducir a situación de brain waste, facilitando procesos como a homologación de titulacións, a formación lingüística e técnica ou a mentoría intercultural.
Como elemento común a todos estes itinerarios, a Guía Transversal de Preparación Empresarial establece pautas para a acollida, sensibilización e acompañamento das persoas incorporadas ás empresas, especialmente durante os primeiros meses da súa integración.




