O campus de Lugo acolle os días 14, 15 e 16 de outubro o Coloquio Ibérico de Geografía (CIG), un congreso científico bienal que reúne profesionais, investigadores e académicos de España e Portugal para debater sobre os retos territoriais, ambientais e socioeconómicos da península ibérica.
‘A xeografía ibérica como exemplo dos aportes da cooperación académica transnacional’ é o lema desta XIX edición, onde se analizarán problemas comúns como cambio climático, xestión ambiental, o reto demográfico rural e o turismo. O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) é o encargado este ano da súa organización na USC, xunto coa Asociación Española de Geografía (AGE) e Associação Portuguesa de Geógrafos.
O acto inaugural terá lugar o mércores 14 de outubro ás 10.00 horas no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Nel participarán o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande; o director do IDEGA, Rubén C. Lois González; a deputada delegada da Área de Cultura da Deputación de Lugo; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Carlos Amiama; a presidenta da AGE; e o representante da APG, Hélder Silva López.



