O IDEGA impulsa unha Cátedra sobre gobernanza europea e equidade territorial 
A iniciativa, liderada pola profesora Cristina Ares, desenvolverase entre 2026 e 2029 e combinará docencia, investigación aplicada e transferencia de coñecemento

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) presentou este luns a Cátedra Jean Monnet ‘EU ASTER: Active Subsidiarity for Territorial Equity and Regions’, unha iniciativa concibida para consolidar a USC como referente en gobernanza territorial da Unión Europea e capacidade administrativa nas rexións.  

A Cátedra, financiada pola Unión Europea no marco das Accións Jean Monnet do programa Erasmus+, iniciou xa a súa actividade e terá unha duración de tres anos. Está liderada por Cristina Ares Castro-Conde, profesora titular de Ciencias Políticas e da Administración, e desenvolverá o seu labor dende o grupo de investigación EUROPEA e o IDEGA. 

O acto institucional tivo lugar no Salón de Actos do IDEGA. A directora da Cátedra estivo acompañada polo vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento, Marcelino Maneiro; o director do IDEGA, Rubén Lois; e a vicedecana de Internacionalización da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais e integrante do proxecto, Alba Alonso Vázquez.  

O vicerreitor salientou Galicia como un territorio que “moito antes da Unión Europea xa era unha rede de intercambio humano grazas ao Camiño de Santiago, que creou unha vía de encontro entre pobos europeos”. “Hoxe debemos ser quen de deseñar novos camiños de colaboración que reforcen a cohesión territorial e melloren a gobernanza das nosas institucións”, engadiu. “Europa necesita construír pontes entre institucións e territorios, escoitar máis ás rexións e os territorios locais. As reflexións e as propostas que xurdan nesta Cátedra serán moi valiosas para reforzar a contribución da USC aos debates europeos sobre gobernanza multinivel e cohesión territorial”, sostivo.  

Cristina Ares sinalou que arredor de 1.100 estudantes se beneficiarán deste programa. “O obxectivo é consolidar un itinerario duradeiro de estudos sobre a Unión Europea na USC; reforzar a evidencia dispoñible sobre a capacidade das administracións rexionais; mellorar o coñecemento sobre a aplicación territorial das políticas europeas e a xestión dos fondos da UE; abrir canles estables de diálogo entre investigación, estudantado, administracións públicas e sociedade civil; e achegar os valores e as políticas europeas á cidadanía”.  

EU ASTER incorporará unha microcredencial de 2 créditos ECTS (European Credit Transfer and Accumulation System) sobre ‘Gobernanza da UE e Administración pública desde as rexións’. A Cátedra desenvolverá e porá a disposición un conxunto de datos en aberto sobre capacidade administrativa no ámbito rexional en España, elaborado en cooperación con persoal responsable de fondos da UE en todas as comunidades autónomas. Este recurso alimentará análises en liña, artigos de investigación e un obradoiro internacional, achegando evidencia territorializada aos debates sobre política de cohesión, mellor regulación e Espazo Administrativo Europeo. Finalmente, a Cátedra impulsará a transferencia e circulación de coñecemento mediante eventos híbridos con expertos internacionais e actores territoriais, pódcasts sobre a dimensión territorial das políticas da UE, obradoiros sobre equidade territorial co IDEGA e administracións, e visitas EU4Youth a centros de ensino secundario. 

Ao remate do período inicial, EU ASTER aspira a deixar na USC unha vía estable de estudos da UE, un conxunto de datos robusto sobre capacidade administrativa rexional e unha carteira duradeira de materiais e redes que sitúen a universidade como nodo de referencia desde Galicia, contribuíndo a que a voz das rexións teña máis peso nos debates e nas decisións europeas sobre cohesión, reforma administrativa e subsidiariedade activa.  

Scroll ao inicio