O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Consello Económico e Social de Galicia convocan a XIII edición do Premio de Investigación en Ciencias Sociais e Economía de Galicia ‘Valentín Paz Andrade’, un galardón de carácter anual destinado a recoñecer investigacións que contribúan a un mellor coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia e ao deseño de políticas que favorezan ao benestar da cidadanía.
A convocatoria establece dúas modalidades. A primeira está dirixida a traballos de investigación publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas entre o 15 de outubro de 2025 e o 14 de outubro de 2026. Esta modalidade conta dunha dotación económica de 2.000 euros.
A segunda modalidade está destinada a teses de doutoramento presentadas en calquera universidade durante o mesmo período e ten unha dotación de 1.000 euros.
Poderán presentarse traballos redactados en galego, castelán, inglés ou portugués.
O prazo para presentar candidaturas está aberto e péchase o 6 de novembro de 2026. As persoas interesadas deberán remitir a súa proposta á secretaría do IDEGA (en horario de 9 a 15 horas) ou envialas por correo postal ao enderezo IDEGA-Avda. das Ciencias, nº 2, Campus Vida, Santiago de Compostela. A documentación deberá incluír a autoría, o título e os datos de publicación ou edición, así como unha copia en papel e indicación dun mecanismo de acceso electrónico ao recurso ou copia en soporte USC.
O xurado estará presidido pola reitora da USC e estará composto polo presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES), o director do IDEGA, que actuará de secretario; un membro do Consello Científico do IDEGA; un membro do Consello Económico Social; e tres persoas de traxectoria recoñecida na investigación en Ciencias Sociais en Galicia.
Na avaliación das candidaturas teranse en conta especialmente a relevancia das contribucións para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia e a sua achega á mellora da asignación dos recursos, o impulso ao crecemento, ao emprego e á consecución de cotas máis altas de equidade.
O fallo do xurado farase público antes do 18 de decembro de 2026.




