O Coloquio Ibérico de Xeografía aborda no Campus de Lugo os grandes retos territoriais da península ibérica
O encontro reivindica a cooperación académica transfronteiriza para afrontar grandes desafíos como o cambio climático, a crise da vivenda e o reto demográfico

A cooperación académica entre España e Portugal e a análise dos grandes desafíos territoriais da península ibérica centran o XIX Coloquio de Xeografía que se celebra os días 14, 15 e 16 de outubro no Campus de Lugo. O encontro reúne a especialistas de ambas rexións baixo o lema ‘A xeografía ibérica como exemplo das achegas da cooperación académica transnacional’, e aborda cuestións clave como o cambio climático, a crise da vivenda, o reto demográfico e o turismo.

A organización desta edición corre a cargo do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), en colaboración coa Asociación Española de Geografía (AGE) e a a Associação Portuguesa de Geógrafos. Durante o acto inaugural, celebrado este mércores na Escola Politécnica Superior de Enxeñería, o director do IDEGA, Rubén C. Lois, salientou a relevancia de que o coloquio se celebre en Galicia, un territorio que mantén vínculos históricos, culturais e académicos con Portugal. Lois lembrou a longa traxectoria de relacións entre a xeografía galega e a portuguesa, mesmo durante a ditadura, e sinalou a importancia de poder realizar o coloquio no Campus de Lugo: “É un coloquio realmente próximo ao que sentimos”.

Pola súa banda, a presidenta da AGE, Asunción Blanco Romero, destacou que o encontro permite estreitar lazos entre investigadores que traballan sobre territorios físicamente próximos, pero que non sempre manteñen unha relación académica habitual. O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Carlos Amiama Ares, destacou que a solución aos problemas actuais require da implicación de diferentes áreas de coñecemento, así como da apertura das institucións universitarias a iniciativas de investigación que plantexen solucións aos desafíos das nosas sociedades.

O vicerreitor de Ordenación Académica e Oferta Formativa, Carlos Núñez Temes, alegou que a ‘cooperación’ é o termo que define o XIX Coloquio Ibérico. Na súa intervención, subliñou que os retos futuros requiren a colaboración entre diferentes sensibilidades e perspectivas. Núñez Temes felicitou tamén o IDEGA pola celebración deste encontro nun ano especialmente significativo para o instituto, que cumpre 50 anos de traxectoria como centro de referencia no estudio interdisciplinar en Galicia. Así mesmo, destacou o valor de reunir coñecementos e investigadores de distintos ámbitos para avanzar na comprensión das transformacións territoriais e sociais. ‘O voso traballo de hoxe será o éxito do futuro’, alegou.

Scroll ao inicio