Na procura das cidades amables: a Galicia urbana do futuro comeza pola “utopía”
O seminario de Futuros Urbanos e Arsogal organizaron unhas xornadas sobre as novas visións dos espazos de vida atractivos e desexados

As diferentes formas de imaxinar a cidade constrúen o futuro. Esta foi unha das principais conclusións das xornadas ‘Novas visións urbanas. A pegada das utopías na cidade actual’, organizadas polo proxecto da USC Arsogal e o Seminario de Futuros Urbanos do grupo de Análise Territorial (ANTE). Grandes especialistas internacionais da paisaxe, o territorio e a regulación da vivenda pasaron pola Facultade de Xeografía e Historia co obxectivo de aportar novas visións dos espazos de vida soñados. “Como mellorar a habitabilidade nas cidades é un tema moi candente na nosa sociedade”, explica José Ignacio Vila, profesor na USC e investigador do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). 

Nun contexto marcado polas profundas incertezas vinculadas ás crises económicas e ambientais, o grupo ANTE con Arsogal, un proxecto que propón estudar a arquitectura de Galicia dende a perspectiva das obras proxectadas, propuxeron reflexionar sobre a transformación dos espazos para responder de maneira sustentable e inclusiva aos diferentes desafíos contemporáneos. Para iso, achegáronse expertas como Monica Degen, da Universidade Brunel de London; Dario Negueruela, da Universidade de Zurich; Gizem Deniz Güneri, da Universidade Técnica de Medio Oriente de Ankara; e Francesca Artioli, da Escola de Urbanismo de París, que abriu un debate arredor da economía de plataformas e como regular nas cidades europeas a proliferación dos alugueres a curto prazo. 

“A cidade do futuro é unha cidade en transformación. Debemos ter en conta as novas tecnoloxías, pero tamén facer unhas cidades máis amables dende a emoción e a sensibilidade”, explica Vila. Habitualmente, as utopías que chegan á cidadanía están dominadas por arquetipos que se transmiten nas películas, cunha versión “dirixista” centrada en rañaceos e vehículos que conducen polas persoas. Con todo, a proposta dende a USC parte de “construir unhas cidades axeitadas conforme as nosas aspiracións”. “Os proxectos que presentaron os investigadores internacionais non foron realizados, pero proxectaron outras cidades posibles, o que influíu nos traballos que finalmente se fixeron”, explica o profesor do USC e organizador das xornadas. 

Agora, co desenvolvemento da intelixencia artificial, as fantasías urbanas vense afectadas. “Non podemos definir a Galicia do futuro, dependerá dos lugares nos que se proxecte: na fronte marítima de Vigo, no porto da Coruña, ou na Cidade da Cultura e a súa integración en Compostela. Debemos pensar cal é o modelo urbano que queremos e facelo conxuntamente coa cidadanía, cun proceso participativo amplo que apela ás axendas urbanas, precisamos cocrear. Pero isto implica recursos, tempo e vontade. O camiño é deseñar proxectos que resolvan problemas actuais”, expón José Ignacio Vila. 

Scroll ao inicio