O director do IDEGA e catedrático de Análise Xeográfica Rexional, Rubén C. Lois, advertiu nunha entrevista en Radio Galicia-Cadena SER da delicada situación do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro e da necesidade de redefinir a estratexia de conectividade e promoción turística de Galicia.
Segundo explicou, a forte caída de pasaxeiros rexistrada nos últimos meses non implica un esgotamento do modelo turístico compostelán, senón que responde principalmente á retirada parcial de Ryanair e á redución de conexións por parte de Iberia. Lois considera que Santiago “segue sendo un gran destino do norte da península ibérica”, aínda que insiste en que existe unha excesiva dependencia dunha única compañía aérea de baixo custo.
Na entrevista, emitida no programa La Ventana de Galicia, o investigador subliñou que Galicia debe apostar por diversificar as conexións aéreas e atraer novas operadoras para garantir unha maior estabilidade do sistema aeroportuario. Tamén reclamou unha maior implicación institucional para reforzar as conexións estratéxicas, especialmente coa ruta a Madrid.
Rubén Lois tamén chamou a atención sobre algúns dos desafíos que afronta actualmente o destino compostelán, como o aumento dos prezos da oferta turística e a percepción de masificación en determinados períodos do ano. Explica que estes factores poden afectar á duración das estadías e á competitividade do destino.
O director do IDEGA defendeu a necesidade de adaptar o modelo turístico a un contexto máis competitivo, apostando por novos perfís de visitantes e por unha mellor coordinación entre administracións e sector privado. Neste sentido, valorou positivamente o traballo dos órganos de coordinación aeroportuaria, aínda que reclamou resultados concretos para fortalecer a conectividade de Galicia.




