O IDEGA participa en Viana do Castelo nunha nova reunión de traballo do proxecto Atlantic Sunset
O encontro reuniu aos socios da iniciativa para compartir os progresos acadados e definir futuras actividades

O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) participou nunha nova reunión de traballo do proxecto europeo Interreg Atlantic Sunset, unha iniciativa para promocionar os solpores como un recurso turístico sostible, para avanzar na coordinación das actividades, compartir os avances acadados e definir as vindeiras accións.

Na xuntanza participaron os catedráticos Rubén Camilo Lois, da Facultade de Xeografía e Historia, e Jorge Mira, da Facultade de Física, e a investigadora Paula Noya, integrantes do equipo investigador da USC que traballa na creación de destino en Cabo Touriñán e en Cabo Ortegal, declarado Xeoparque UNESCO.

Atlantic Sunset ten como obxectivo poñer en valor os solpores da fachada atlántica europea como un recurso turístico sostible, innovador e diferenciado. A iniciativa analiza así mesmo o turismo nocturno e o astroturismo para impulsar o desenvolvemento territorial, a diversificación da oferta turística e a desestacionalización dos destinos.

No caso da Costa da Morte, o equipo do IDEGA estuda como a paisaxe, o horizonte atlántico e a calidade do ceo nocturno contribúen á creación de experiencias turísticas singulares vinculadas á identidade do territorio. Atlantic Sunset promove un modelo de turismo baseado na protección ambiental, a participación das comunidades locais e a valorización do patrimonio natural e cultural, reforzando a cooperación entre os territorios atlánticos europeos e avanzando cara a unha gobernanza turística máis integrada e sostible. O encontro supuxo un reforzo da cooperación entre os socios para avanzar na definición de ferramentas e estratexias compartidas e, en definitiva, nos obxectivos da iniciativa.

O proxeto Atlantic Sunset, financiado pola Unión Europea a través do programa Interreg Atlantic Area, busca crear unha rede de territorios atlánticos que compartan este singular patrimonio de solpores. A rede inclúe localidades de España, Portugal, Francia, Irlanda e outros puntos da costa europea, que colaboran na promoción do turismo sostible, a divulgación científica e a cooperación cultural. Entre os socios do proxecto atópanse a Fundación CEER (coordinadora), a Universidad de Santiago de Compostela, a Universidade de Sevilla, a Universidade de Oporto, a Universidade de Angers, a Universidade Nacional de Irlanda, Galway e Wireless Galicia.

Scroll ao inicio