Que sucede cando unha política climática foi aprobada pero as empresas non cren que teña futuro? Desta pregunta parte o artigo “The Cost of (In)Credibility: Anticipation, Surprise, and the Investment Channel of the EU Carbon Border Adjustment Mechanism” elaborado polo investigador Andréz González Rodríguez, que vén de recibir o IX Premio Emilio Fontenla.
O galardón recoñeceu o traballo como o mellor artigo de novos investigadores presentado nas IX Xornadas de Análise Input-Output que se celebraron en Sevilla do 22 ao 26 de xuño de 2026. “É un premio académico e chega nun momento oportuno, coa tese entregada e a defensa á vista. Interprétoo como un sinal de que o enfoque do traballo é sólido e de que o tema resulta relevante dentro da disciplina”, conta González. Ademais, engade que é un “estímulo para seguir traballando nesta liña de investigación; é un recoñecemento ao Grupo de Economía Pesqueira e Recursos Naturais (ECOPESCA) e ao Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME)”.
González é economista e atópase na recta final do seu doutoramento. Actualmente traballa nunha área entre o comercio internacional e a política ambiental. “O que me interesa é entender como as políticas climáticas afectan de xeito moi distinto a cada sector produtivo, non é o mesmo o aceiro ca a química ou a pesca, nin como o comercio transmite eses efectos dun país a outro”. Na tese aborda estas preguntas con modelos que permiten simular a economía mundial e identificar quen gana, quen perde e por que canles.
O caso concreto que estuda González é o Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (CBAM), que retira de forma gradual entre 2026 e 2034 os dereitos de emisión gratuítos que a industria recibía. No transcurso dese calendario, enmárcanse as eleccións europeas de 2029, o que abre unha xanela para que unha nova maioría o revise antes de que o recorte máis duro entre en vigor. “Por este motivo, as empresas non deciden canto investir analizando a política actual, senón que agardan uns anos. Se cren o calendario, adaptan o seu capital pouco a pouco. Se non, non realizan ese axuste anticipado”.
Neste senso, o investigador explica que aínda que o lexislador cumpra a normativa “ao pé da letra”, as empresas chegan ao momento decisivo co capital equivocado, posto que investiron como se a política non tivese efectos. En termos cuantitativos, González estima que o resultado deste “custo da desconfianza” supón perder ata 27 millóns de toneladas de aforro de CO2 na Unión Europea e uns 88 millóns a nivel mundial. Como resultado, os que gañan cota de mercado son os produtores máis intensivos en carbono fóra de Europa, con Rusia á cabeza no aceiro e no aluminio. “A desconfianza na política climática europea acaba beneficiando a quen máis contamina. A mensaxe de fondo é que a credibilidade non é un adorno da política climática, senón parte do seu deseño, tan importante como o propio calendario. Para que unha política funcione non abonda con aprobala, hai que conseguir que quen ten que investir crea que se vai manter”.




